Os seis poemas galegos de Lorca

Federico García LorcaNo século XIII, Afonso X –nado en Toledo e Rei de Castela e León– escribía as Cantigas de Santa María en galegoportugués, lingua que na época era habitual da lírica culta en Castela.

Preto de sete séculos despois, un escritor nado en Fuente Vaqueros (Granada) volvía utilizar a lingua galega para escribir seis poemas: Federico García Lorca. O encargado da edición deses Seis poemas galegos do poeta andaluz foi o escritor ourensán Eduardo Blanco Amor. Este embarcaba rumbo a Bos Aires en novembro de 1935 logo de deixar pechada a edición dos poemas de Lorca. Dedicámoslles unhas breves liñas a esas seis famosas composicións que o autor da Xeración do 27 aportou á literatura galega.

Os seis poemas galegos de Lorca

Seis poemas galegosA crítica sinala unha combinación de diversos factores para xustificar o feito de Lorca escribir en galego. Entre eses factores estarían o coñecemento e admiración que Federico sentía por Galiza, froito das catro viaxes efectuadas á nosa terra; a amizade cunha xeración de escritores e artistas galegos, dos que se fará amigo: Cunqueiro, Rolán, Cuadrado, Dieste, Seoane, Martínez-Barbeito, Suárez Picallo, Castelao, Xesús Bal y Gay, Blanco Amor e Ernesto Pérez Guerra (este último sería segundo Blanco Amor o incitador decisivo da escrita dos poemas); o terceiro factor para xustificar a escrita en galego de Lorca sería o coñecemento que tiña dos cancioneiros medievais e dos poemas de Rosalía, Amado Carballo, Manuel Antonio, Cunqueiro, Curros e Pondal. Aínda que a poesía galega contaba no século XX coa figura ilustre do catalán Carles Riba, será o poemario de Lorca o que influirá máis na poesía alofónica de lingua galega.

Os Seis poemas galegos, con prólogo do propio Blanco Amor, foron impresos pola editorial Nós de Ánxel Casal na rúa do Vilar de Compostela en decembro de 1935, e ese mesmo mes Ánxel Casal enviaralle a García Lorca os primeiros exemplares. A revista Nós no nº 137-138 de maio-xuño de 1935 anunciaba o libro entre as novidades da editorial. Lorca e o seu editor Ánxel Casal serán asasinados o mesmo día, un tráxico 19 de agosto do 1936.

Madrigal á cibdá
de Santiago

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

 

Chove en Santiago
na noite escrura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

 

Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

 

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Agoa da mañán anterga
trema no meu corazón.

 

Luar Na Lubre:

Narf:

Romaxe de Nosa
Señora da Barca

¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!

 

A Virxen era pequena
e a súa coroa de prata.
Marelos os catro bois
que no seu carro a levaban.

 

Pombas de vidro traguían
a choiva pol-a montana.
Mortas e mortos de néboa
pol-as congostroas chegaban.

 

¡Virxen, deixa a túa cariña
nos doces ollos das vacas
e leva sobr’o teu manto
as froles da amortallada!

 

Pol-a testa de Galicia
xa ven salaiando a i-alba.
A Virxen mira pra o mar
dend’a porta da súa casa.

 

¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!

Amancio Prada:

Cantiga do
neno da tenda

Bos aires ten unha gaita
sobre do Río da Prata
que a toca o vento do norde
coa súa gris boca mollada.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Aló, na rúa Esmeralda,
basoira que te basoira
polvo d’estantes e caixas.
Ao longo das rúas infindas
os galegos paseiaban
soñando un val imposíbel
na verde riba da pampa.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Sinteu a muiñeira d’ágoa
mentres sete bois de lúa
pacían na súa lembranza.
Foise pra veira do río,
veira do Río da Prata
Sauces e cabalos núos
creban o vidro das ágoas.
Non atopou o xemido
malencónico da gaita,
non viu o inmenso gaiteiro
coa frolida d’alas:
triste Ramón de Sismundi,
veira do Río da Prata,
viu na tarde amortecida
bermello muro de lama.

Astarot:

Noiturnio do
adoescente morto

Imos silandeiros orela do vado
pra ver ô adolescente afogado.

 

Imos silandeiros veiriña do ar,
antes que ise río o leve pro mar.

 

Súa i-alma choraba, ferida e pequena
embaixo os arumes de pinos e d’herbas.

 

Agoa despenada baixaba da lúa
cobrindo de lirios a montana núa.

 

O vento deixaba camelias de soma
na lumieira murcha da súa triste boca.

 

¡Vinde mozos loiros do monte e do prado
pra ver o adoescente afogado!

 

¡Vinde xente escura do cume e do val
antes que ise río o leve pro mar!

 

O leve pro mar de curtiñas brancas
onde van e vên vellos bois de ágoa.

 

¡Ay, cómo cantaban os albres do Sil
sobre a verde lúa, coma un tamboril!

 

¡Mozos, imos, vinde, aixiña, chegar
porque xa ise río m’o leva pra o mar!

Xoán Rubia:

Canzón de cuna pra Rosalía
Castro, morta

 

¡Érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡Érguete, miña amada,
porque o vento muxe, coma unha vaca!

 

Os arados van e vén
dende Santiago a Belén.

 

Dende Belén a Santiago
un anxo ven en un barco.
Un barco de prata fina
que trai a door de Galicia.

 

Galicia deitada e queda
transida de tristes herbas.
Herbas que cobren teu leito
e a negra fonte dos teus cabelos.
Cabelos que van ao mar
onde as nubens teñen seu nídio pombal.

 

¡Érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡Érguete, miña amada,
porque o vento muxe, coma unha vaca!

Xoán Eiriz:

Danza da lúa
en Santiago

¡Fita aquel branco galán,
olla seu transido corpo!

 

É a lúa que baila
na Quintana dos mortos.

 

Fita seu corpo transido
negro de somas e lobos.

 

Nai: A lúa está bailando
na Quintana dos mortos.

 

¿Quén fire potro de pedra
na mesma porta do sono?

 

¡É a lúa! ¡É a lúa
na Quintana dos mortos!

 

¿Quén fita meus grises vidros
cheos de nubens seus ollos?

 

¡É a lúa! ¡É a lúa
na Quintana dos mortos!

 

Déixame morrer no leito
soñando con froles dóuro.

 

Nai: a lúa está bailando
na Quintana dos mortos.

 

¡Ai filla, co ar do céo
vólvome branca de pronto!

 

Non é o ar, é a triste lúa
na Quintana dos mortos.

 

¿Quén brúa co-este xemido
dímenso boi melancónico?

 

¡Nai: É a lúa, é a lúa
na Quintana dos mortos

 

¡Si, a lúa, a lúa
coronada de toxos,
que baila, e baila, e baila
na Quintana dos mortos!

Amancio Prada:

Comentario

  1. Dante Llas Area 13 Maio, 2019 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies