Os títulos dos libros

“Una parte importante de un cuento es el título: lo ilumina”

(Mario Benedetti)

Segundo a RAG o título identifica unha obra describindo o seu contido. Nesa liña, os entendidos sinalan que entre as características que debe posuír o título dun libro –nós aquí só nos imos referir a obras literarias– están: resumir ao máximo o que o lector vai atopar nel –é dicir, economía comunicativa–, capacidade evocadora e poder para atraer a lectores e editoriais.

Algúns van máis alá e afirman que o título non só é o libro, senón o autor. Para ter a biografía dun autor, chegaría con ler os títulos dos seus libros, afirman. Eles –os títulos– resumirían a personalidade do autor.

Sexa como for, o título é esa palabra ou palabras coa que primeiro tomamos contacto cando nos acercamos a un libro. E, hainos de todas as variedades, formas e cores: longos, curtos, afirmativos, negativos, en forma de pregunta, máis poéticos, máis sonoros, máis claros, máis enigmáticos…

Relato de un náufragoO récord dun título longo debe telo un relato de Gabriel García Márquez que se titula:

Relato de un náufrago que estuvo diez días a la deriva en una balsa sin comer ni beber, que fue proclamado héroe de la patria, besado por las reinas de la belleza y hecho rico por la publicidad, y luego aborrecido por el gobierno y olvidado para siempre.

Hai unhas fórmulas clásicas para os títulos dos libros que se repiten desde hai moito e que parece son do gusto dos editores: “substantivo –con ou sen artigo– + frase preposicional”:

Queixumes dos pinos (Pondal)

Aires da miña terra (Curros)

A rosa de cen follas (Cabanillas)

Catecismo do labrego (Lamas Carvajal)

O porco de pé (Risco)

Os camiños da vida (Otero)

Escola de menciñeiros (Cunqueiro)

Muiñeiro de brétemas (Manuel María)

Pel de lobo (Xosé Miranda)

O sol do verán (Carlos Casares)

A romaría de Xelmírez (Otero)

O señorito da Reboraina (Otero)

A xente da Barreira (Carvalho Calero)

Memorias dun neno labrego (Neira Vilas)

Fardel de exiliado (Luís Seoane)

Arrabaldo do norte (Ferrín)

Un millón de vacas (Rivas)

O lapis do carpinteiro (Rivas)

Bestiario de silencios (E. Pedreira)

A memoria da choiva (Pedro Feijoo)

O ceo das reixas (Eli Ríos)

Tamén é unha estrutura clásica e popular a forma: “substantivo –con ou sen artigo– + adxectivo”:

Cantares gallegos (Rosalía)

Follas novas (Rosalía)

Vento mareiro (Cabanillas)

O soño sulagado (Celso Emilio)

Vento ferido (Carlos Casares)

Bala perdida (Rivas)

Conta saldada (Suso de Toro)

A sombra cazadora (Suso de Toro)

A gaita gallega (Pintos)

Os corpos invisibles (E. Pedreira)

Códice Calixtino (Luz Pozo)

Música reservada (Luísa Villalta)

Barriga verde (Manuel María)

ScorpioHai títulos dunha soa palabra –un substantivo– con ou sen artigo–, con forza e carisma para que funcionen:

Nimbos (Díaz Castro)

Scórpio (Carvalho Calero)

Anagnórise (María Victoria Moreno)

Vilardevós (Silvio Santiago)

A esmorga (Blanco Amor)

Os eidos (Novoneyra)

Cousas (Castelao)

A esmorga (Blanco Amor)

Pola contra, tamén podemos atopar títulos longos:

A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruschetino no derradeiro século da súa vida (Euloxio Ruibal)

De vez en cando encontramos títulos que comezan coa estrutura “de(artigo)+substantivo”:

Dos arquivos do trasno (Rafael Dieste)

Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (Otero)

Das cousas de Ramón Lamote (Paco Martín)

Dos anxos e dos mortos (Anxo Rei Ballesteros)

Do olvido o río (Cesáreo Sánchez Iglesias)

Non son demasiado habituais os títulos que comezan por un verbo conxugado:

Era tempo de apandar (Ramón Valenzuela Otero)

Nasce unha árbore (Rodríguez Mourullo)

Veu visitarme o mar (Rosa Aneiros)

Vivimos no ciclo das Erofanías (Yolanda Castaño)

Era nova e sabía a malvaísco (Imma Antonio Souto)

Tampouco os que comezan pola partícula negativa non:

Non vexo Vigo nin Cangas (Bernardino Graña)

Non agardei por ninguén (Ramón Valenzuela Otero)

Igualmente, non é frecuente un título en forma de pregunta:

Que me queres amor? (Manuel Rivas)

Tortillas para os obreirosNa literatura máis actual hai títulos rompedores, atrevidos, que queren chamar a atención do lector, provocar:

Tortillas para os obreiros (Fran Alonso)

A teta sobre o sol (Olga Novo)

Os teus dedos na miña braga con regra (Lupe Gómez)

42 décimas de fiebre Miro Villar)

Sucios e desexados (Antón R. López)

Pornografía (Lupe Gómez)

Persianas, pedramol e outros nervios (Fran Alonso)

Hai títulos que por si sós xa parecen ou evocan un poema: Sombra do aire na herba, de Luís Pimentel –libro publicado postumamente–. Sexa como sexa o título, máis ou menos afortunado, non deixemos de acercarnos ao libro. Que o difícil proceso de concentrar nunha palabra ou nunha frase o contido do libro, non impida nunca a súa lectura.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies