Para darnos folgos

Flores

Si un intre só

conquiro darvos folgos

co meu canto,

ficaréi moi contente

e non perciso

máis

nada.

O versos anteriores son de Celso Emilio Ferreiro en Viaxe ao país dos ananos, de 1970.

E si, folgos son os que nos cómpren na actual situación que vivimos. Desde aquí unímonos aos desexos do autor de Celanova: moitos folgos.

A verdade é que a falta de normalidade é habitual en moitos aspectos e facetas na nosa terra. Unha falta de normalidade que xa detectaron as nosas intelectuais e autoras. Non esquezamos que mesmo o noso himno acaba cuns versos que presaxian tempos mellores:

Os tempos son chegados

Dos bardos das edades

Que as vosas vaguedades

Cumprido fin terán;

Pois, donde quer, xigante

A nosa voz pregoa

A redenzón da boa

Nazón de Breogán.

Son habituais as alboradas. A de Rosalía –en Cantares gallegos (1863)– acaba:

Que a auroriña

o ceu colora

cuns arbores

que namora,

cun sembrante

de ouro e prata

teñidiño

de escalrata.

Cuns vestidos

de diamante

que lle borda

o sol amante

antre as ondas

de cristal.

 

¡Sal…!

señora en todo mal,

que o sol

xa brila

nas cunchiñas do areal;

que a luz

do día

viste a terra de alegría;

que o sol

derrete con amor a escarcha fría.

Tamén Curros en Aires da miña Terra (1880) ten a súa alborada que remata dicindo que sementemos novas ideas para recoller flores:

Dispoñei, dispoñeivos prá seitura,

cansados labradores;

e si frutos queredes de dozura,

donde agora herba ruín e grama dura,

ceibai novas ideas: darán frores.

O precursor do Rexurdimento, Francisco Añón –no poema A Galicia–, mándalle espertar porque xa está próxima a alborada:

 Ay esperta, adorada Galicia,

D’ese sono en q’estás debruzada;

D’o teu rico porvir a alborada

Po–l’o Ceo enxergándose vay.

Xa cantando os teus fillos te chaman,

E c’os brazos en cruz se espreguizan…

Malpocados! O q’eles cobizan

É un bico d’os labios d’a Nay.

Celso Emilio Ferreiro –en Onde o mundo se chama Celanova (1975)– para “vivir” e sementar a “esperanza” e “soñar” dicía, “Moraima“:

Cando quero vivir

digo Moraima.

Digo Moraima

cando semento a espranza.

Digo Moraima

e ponse azul a alba.

 

Cando quero soñar

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a noite é pechada.

Digo Moraima

e ponse a luz en marcha.

Suso Vaamonde:

Manuel María –Poemas da labarada estremecida (1981)– cantáballe a Saleta para chamar pola “brisa lixeira”, “o sol ourilocente”:

Envelleceremos xuntos

e, cando chegue a hora de partir,

o noso amor non morrerá:

hase transformar na brisa lixeira

que en maio canta emocionada

na escura folla das abelairas

ou no sol ourilocente do Outono

que bica ás carballeiras docemente.

Poemas da labarada estremecida,1981

Grupo Solo Voces de Lugo:

Banda Filharmónica de Galiza e Corais de Compostela:

 A primavera xa está aquí e con ela han chegar outras primaveras para todas. Mesmo chegará o verán porque o agardamos “para recuperar os amigos”, como di Daniel Salgado (Sucede, 2004):

Sempre se agarda o verán,

deséxase

ese tempo para a noite como a herba

sen alerxia. Os amigos recuperados.

Próbase toda froita de óso,

búscanse os elepés de música xamaicana,

vaise esquecendo unha miga a choiva

e esta patria.

Sempre se agarda o verán porque detén a vida.

Veñen días lentos,

ríos,

ollos,

esváese o mundo afora,

vístense de xente as terrazas

no agre do lusco–fusco.

Saen tantas guerras da memoria.

Pero sempre se agarda un verán

que nunca chega.

E retíranse os dentes, vencidos,

da hora deserta.

Flores

Mentres o verán –e a primavera que queremos– non chega, temos a solidariedade entre todas e todos porque “temos semellantes as feridas”, que dicía Celso Emilio:

Camiñan ao meu rente moitos homes.

Non os coñezo. Sonme estranos.

Pero tí, que te alcontras alá lonxe,

máis alá dos desertos e dos lagos,

máis alá das sabanas e das illas,

coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,

si os nosos berros son igoales,

coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e tí negro i eu branco,

si temos semellantes as feridas,

coma un irmáu che falo.

 

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,

si os nosos soños son igoales,

coma un irmáu che falo.

 

Común temos a patria,

común a loita, ambos.

A miña mau che dou,

coma un irmáu che falo.

Fuxan os Ventos:

Coa forza e os folgos de todas venceremos as dificultades, porque, como escribía Avilés de Taramancos, non temos límites:

Flores

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies