Poesía es ti… (Non crebemos as liras)

Xa nos tempos de Curros Enríquez eran malos tempos para a lírica. Así aparece no poema “Crebar as liras” de Aires da miña terra (1880):

“Espaventada, atóneta,
A virxe Poesía
Clamóu desalentada:
«¡Vates, crebade as liras!»”

Claro que o poeta de Celanova non lle fixo caso á petición e seguiu coas súas “liras”, por sorte. Curros concebía a poesía ao servizo da sociedade. No mesmo poema, dá as razóns para seguir escribindo poesía. Entre outras, a falta de xustiza, a falta de liberdade, a intolerancia e a tiranía. Abofé que non son pequenas razóns.

“Gustoso esnaquizara
E resinado a miña,
Si n’ eso d’ o meu povo
A sorte consistira;
Mais, mentras horfo e triste
Os meus consolos pida,
Crebala… ¡n’ a tua testa
Tan sólo—tiranía!”

Noutro poema de Aires da miña terra, Curros aconséllalle a Xan de Deza que, segundo parece, andaba lendo O Ciprianillo para ver de facerse rico encontrando tesouros:

“Cando consultes Murguía,
Paz, Pondal, Añon e Lamas,
E n’o bico
As canciós de Rosalía
Teñas sempre, que tanto amas,
¡Serás rico!”

Agora que se acerca o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, sería un bo momento para seguir con máis forza os consellos de Curros e ler máis poesía. Quizais unha das tarefas pendentes sexa acercar a poesía aos rapaces e rapazas. Non é fácil. As razóns que se dan de que un relato ou unha novela son máis manexables na aula debemos rexeitalas e superalas. Temos moito onde escoller para ler. Hai poesía de todo tipo e temática: social, intimista, costumista, clásica, moderna… A verdade, non temos desculpa.

Celso Emilio escribíalle de Moraima:

“Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.”

Manuel María escribía para Saleta:

“Xa é hora de decirche pra sempre
que é o amor como un penedo:
unha árbore plantada no meu sangue
que non pode arrincarse sin matarme.”

Tamén Rosalía de Castro se cuestiona polo súa necesidade de escribir:

“Ben sei que non hay nada
Novo en baixo d’o ceo,
Qu’antes outros pensaron
As cousas qu’ora eu penso.

E ben, ¿para qu’escribo?
E ben, por qu’asi semos,
Relox que repetimos
Eternamente ó mesmo.”

Eduardo Pondal ben aconsellaba as rapazas da Coruña:

Meniñas da Cruña
D’ amabre despejo,
de falas graciosas
e pasos ligeiros
Deixa de Castela os duros acentos
Falade neniñas, falade galego.

O/A poeta ten necesidade de “dicir”. Por iso non “creba as súas liras” como ben dixo e fixo Curros Enríquez, Rosalía, Eduardo Pondal, Celso Emilio, Manuel María e moitos e moitas máis. E, nós temos necesidade de poetas e poesía. Leámola, aínda que sexan malos tempos para a lírica. Ou precisamente por iso.

Para poñer en práctica estas ideas, nós imos festexar o Día da poesía cun recital de Helena Villar Janeiro e a súa Poesía mínima. Estades convidados todo e todas.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies