Polo San Xoán

Dedaleiras e Torre de Hércules

Mes de san Xoán. Noite de san Xoán. Celebramos nestes días un deses momentos do ano nos que a tradición ten un peso moi importante e con ricas e variadas aportacións. Unha delas –a noite de san Xoán– ten lugar na noite do día 23 ao 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán –cando temos o día máis longo do ano–. Desdes antigo –xa os celtas o facían–, celébrase unha ampla variedade de festas e prácticas rituais, fundamentalmente, arredor de fogueiras –cacharelas, luminarias, cachelas– purificadoras.

A literatura dá conta desta antiga e tradicional celebración. A continuación, seleccionamos algúns textos relacionados coa cebrebración do San Xoán.

ROSALÍA DE CASTRO (Cantares gallegos, 1863):

 

Vint’ un–ha crara noite,

Noitiña de S. Xoán,

Poñend’ as frescas herbas

Na font’ á serenar.

E tan bonit’ estabas,

Cál rosa nó rosal,

Que d’ orballiño fresco

Toda cubert’ está.

Por eso, namorado,

Con manso suspirar

Os meus amantes brazos

Voteiche pó lo bán.

E ti con dulces ollos

E mais dulce falar,

Meiguiña m’ envoucastes

En pracido solás.

As estrelliñas todas

Qu’ aló no espaço están,

Sorrindo nos miraban

Con soave craridá.

E foron, ay! testigos

D’ aquel teu suspirar

Qu’ ó meu correspondia

Con amoriño igual.

Flores

CURROS ENRÍQUEZ (Aires da miña terra, 1880):

 

Xa d’ amarelo e branco

Se pintan os outeiros,

Xa nacen n’as silveiras

As froles de San Xoan;

Xa crecen n’os valados

As hedras y–os loureiros;

Xa ten carrouch’ o millo,

X’ as vides gromos dan.

 

EDUARDO PONDAL (Queixumes dos pinos, 1886):

 

Campana, se pol–o vrán,

Ves lumiar na Ponte–Ceso,

A cachéla de San Joan;

Dílle a todos que estóu preso,

Nos calabozos d’Orán.

 

AURELIANO PEREIRA (Cousas d’a aldea, 1891):

 

Noites as de San Xuan! Noites aquelas

en qu’ o esprito seréo

ollando se recreya ‘n as estrelas

qu’ alumeando ‘n o azulado céo,

parés que parpadexan

é son us ollos que de lonxe axexan

os felices istantes

que rinden à pasión os bos amantes.

O airiño ¡qué soave!

suas ondas ¡qué cheirosas!

¡qué doce o pío d’ a tenriña ave

qu’ adormenta seus fillos entr’ as rosas!

dedaleiras

ANTONIO LÓPEZ FERREIRO (O niño de pombas, 1905):

 

QUÉN–O pensara! N’aquela mesma noite entr’a xente do pazo de Donseón houbera un gran proverio e moita fuliada por mor d’os lumes de San Xoán. N–un patio intirior, e non n–o campo qu’estaba arrentes d’a cerca, pra non estorbaren á os guardias e vixías que estaban á a espeutativa, fixeran unhas grandes lumaredas e emprencipiaron á brincar por encima, porque dicían que aquel fumazo era boo para curar e preservar d’a sarna. Soilo que á veces algún que non tasmeara ben o anchor d’a lumeira, caía antes de chegar ao outro lado e chamuscábase todo, mentres os demáis comezaban de ouvear e correr a chacota con él. O peor foy cando aquel mouro vello que vimos á a entrada do castelo, que tamén lle dera por curar a sarna, cayeu espatarrado coma un sapo cuase n–o medio d’a fogueira, levantando unha gran fumareda de cinza, muxicas e charamuscas.

dedaleira

LUÍS AMADO CARBALLO (O galo, 1928):

 

Brinca o sol…

na campía noiva…

como un corazón…

Brinca o sol…

 Unha mañán de San Xoan

 atopei a fror das ágoas,

 dend’aquela levo en min

 unha mágoa de arelanzas.

 

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN (Bebedeira, 1934):

 

O Maio garrido, para saudar o vran,

pon luvas de etiqueta con frores de San Xoán.

Praia do Orzán en San Xoán

 NEIRA VILAS (Memorias dun neno labrego, 1961):

 

Aquela tarde –primeira vez que me deixaban ir– deprendín para sempre a escoller as plantas sacras: estalotes, herba de Santa María, faísca verde, follas de castiñeiro e de bieiteiro, ponlas de oliva, codesos, follas de loureiro, trobiscos, ponlas de nogueira, rosas de nabo e de romeu…

……………………………………………………………………………………………………

Foi chegando xente. Mocidade, vellos, nenos… A aldea polo pé. Xerras de viño, pandeiretas, unha gaita… O fume, un esteo groso e moi longo de fume, subía paseniño, canso, escuro, sen esparexerse. A noite era maina, queda, coma se fose finar o mundo. E nós veña de atizar as herbas, mentres mozas e mozos, collidos pola man, brincaban por riba do fumazo dicindo:

Sálvame

lume da San Xoán.

Que non me morda nin cobra nin can.

…………………………………………………………………………………………………

Díxome que hai mozas que deixan claras de ovos no peitoril da xanela, e pola mañá fan comparanza do seu porvir co feitío que teña o ovo. Outras, con amores fuxidos, collen peniscos de cardos e envólvenos con papeis en pequenas trouxas; por fóra escriben o nome de cada mozo, e póñenas no leito, debaixo da almofada. O día de San Xoán, ben cedo, ceiban as trouxas e se abrollou algunha flor quere dicir que voltará o mozo que ten o nome sinalado no papel.

Meu pai estaba de chós. Faloume de rapazas que lavan a faciana na amañecida de San Xoán, con auga na que meteron de véspera herba cruzada; e que nalgúns sitios se bota o gando fóra, e a roupa dos enfermos, e que se aparecen meigas…

……………………………………………………………………………………………….

E vímolo bailar. Estabamos na Agra Vella. O ceo amostróusenos limpo como unha patena; foramos gradar para o millo temperán. Paseniño, foise erguendo por detrás do coto e guindou na terra as súas barbas luminosas. Entón paramos o gando e botamos unha ollada no horizonte.

Como era de día, non me amedoñei, pero o sol, tal como meu pai mo anunciara, bailaba coma un tolo na mañanciña.

Fogueiras en Riazor

VÍTOR VAQUEIRO (O soño dirixido, 1992):

 

Afonso, ampeante polo nervosismo, tiña os ollos cravados no amplo muro de pedra do primeiro sucalco. Teño frios os pes, dixera–me magoado. Dous anos antes, ao saltar a fogueira da noite de San Xoán, un erro na avaliación do chimpo fixera–o cair sobre as brasas, das que saiu polo seu próprio pe, ainda que coas plantas insensíbeis para sempre, pois as gomas das Wamba–Pirelli derreteran–se, demoendo–lle a pel e condenando–o a un destino perene de frialdade nas suas extremidades inferiores, independente da estación do ano, que aturaba sen moito esparamexo.

Noite de San Xoán

Castelao

SUSO DE TORO Conversa de Suso de Toro con Antonio Pedrós, 2002):

 

Recordo esas cousas dos nenos, os nenos dun barrio, todo o día na rúa… Recordo de facer as cacharelas no medio da estrada, derretíase o alcatrán ao facer a cacharela de San Xoán. Teño moitos recordos daquela. Un día de tronada, os lóstregos. A saraiba no borde da fiestra…

 

XOÁN BABARRO (O nome do Rei que ha de volver, 2011):

 

Abrollarás cada San Xoán

nas cacharelas inzadas

dos sabugueiros.

Lucirás almafí

nos esteos espigados

dos biduros.

Trenzarás un torzal

para as chinelas da Alba

co gato das salgueiras.

Xurdirás sábado a sábado

nas folerpas soleadas

dos romeus

Dedaleiras e Torre de Hércules

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies