Por un pazo de Meirás dedicado á memoria

A LOITA FEMINISTA NON DEBE SER UTILIZADA DE MANEIRA INTERESADA PARA IMPEDIR QUE O QUE FOI UN SÍMBOLO DO FASCISMO REVERTA NUN CENTRO DEDICADO Á MEMORIA ANTIFRANQUISTA.

Franco dando a man a Felipe de BorbónO pazo de Meirás é para o pobo galego o símbolo do espolio franquista. Durante décadas agardamos impacientes a que chegase a hora de recuperalo para o seu lexítimo propietario, o pobo galego, e agora que é posíbel, cremos que é o momento de mudar o seu significado e convertelo no símbolo da restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade.

Esa debe ser a súa finalidade: a recuperación e a divulgación da memoria do pobo aldraxado e aniquilado e da súa loita antifranquista desde unha imprescindíbel perspectiva de país, clase e xénero, coa ollada posta tamén na restitución do recordo das mulleres que foron represaliadas, violentadas, abusadas, asasinadas, presas, depuradas, exiliadas, degradadas e escarnecidas e que aínda así foron quen de ser solidarias co pobo perseguido, e resistentes na loita e na transmisión do verdadeiro relato.

Como as propias labregas de Meirás en 1933, nunha revolta histórica, continuadora da que outras mulleres levaran a cabo en Nebra, en Oseira, en Salcedo, en Sofán ou Sobredo para lograr un profundo cambio que ficou paralizado co golpe de Estado de 1936. Tamén elas foron vítimas da ditadura que chegou despois e que, nalgúns casos, mesmo as despoxou das súas terras para maior gloria da familia Franco. É un acto de xustiza imprescindíbel para a cidadanía galega converter agora ese espazo en lugar de lembranza para quen deu a vida, até a morte, pola liberdade de pensamento e acción, para quen loitou contra o fascismo.

Cómpre facer visíbel a súa loita. Cómpre honrar a súa memoria. Cómpre facer do pazo de Meirás un centro dedicado a esta tarefa imprescindíbel.

Por iso, as que asinamos reclamamos que a memoria centre os usos do Pazo de Meirás e rexeitamos que, baixo a aparencia de o dedicar a outra loita tan necesaria como é a do feminismo, se impida, outra vez, facer xustiza coas persoas represaliadas.

Nós tamén dicimos que o feminismo non branquea o fascismo. Non agocha a memoria, está inzado dela.

Promoven este manifesto Montse Fajardo, Mª Xosé Bravo e Marta Dacosta.

ASINA O MANIFESTO
Desde aquí podes asinar o manifesto e consultar a listaxe de apoios.

Comentario

  1. Carlos González Mazaira 30 Marzo, 2021 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies