Pucho Boedo na Coruña – Paseos en agosto IX

Monumento a Pucho Boedo

En 1929 nacía na Silva –A Coruña– un dos artistas máis admirados e coñecidos de toda Galiza: o cantante e compositor Pucho Boedo. A esvelta estatua no barrio do Ventorrillo –no que era tan querido, coma no resto da cidade da Coruña e de Galiza– fai honor á súa elegante e luminosa voz.

Depósito de Ventorrillo

Pioneiro no uso do galego para cantar, púxolle voz a Rosalía, Curros ou Celso Emilio. Emociona escoitar a Pucho poñerlle voz aos versos da “Cántiga” de Curros Enríquez:

Lonxe dela, de pé sobre a popa

dun aleve negreiro vapor,

emigrado, camiño de América

vai o probe, infelís amador.

Nós somos Elas - Crros

O texto da foto do arquivo Vidal –de Pilar Pallarés– fai alusión a “como fala a ausencia”. Pucho Boedo soubo poñerlle voz á ausencia dos emigrados ou á pobreza do vello que dialoga co sapo:

Vendín prós trabucos bacelos e hortas

E vou polo mundo de entón a pedir

Mais cando non topo pechadas as portas

Os cans sáienme a elas e fanme fuxir.

Exposición Nós somos Elas

Pucho tamén puxo a súa voz para cantar as belezas da súa terra:

“Quién fue el pintor que unió con su pincel

Todo el color verde sobre tu piel.

Quién dibujó las rías de tu paisaje”

Paisaxe mar

A crítica fala de que Pucho Boedo tivo valentía, amor e sentido da beleza, por iso seguro que non vería mal a outro grande artista da música que comparte protagonismo nos parques coruñeses.

Monumento John Lennon

Rosalía de Castro escribía:

Airiños, airiños aires,

airiños da miña terra;

airiños, airiños aires,

airiños, levaime a ela.

Exposición Nós somos ElasE, Pucho Boedo púxolle voz aos versos da nosa autora. A ela foi a primeira, en 1963, en dedicárselle as Letras Galegas. En 2002, Manuel Rivas pedía un Día das Letras para Pucho Boedo. Razoaba a súa petición dicindo que Pucho soubo conxuntar na música tradición popular e literaria.

Querido e admirado na Coruña e en toda Galiza, Pucho Boedo merece todas as homenaxes que se lle poidan facer, coma a que lle dedicou a Cidade Vella da Coruña.

Monumento a Pucho Boedo na Cidade Vella

Pucho Boedo falecía na Coruña en 1986. Os seus restos descansan no Cemiterio de Santo Amaro.

Tumba de Pucho Boedo

Unha boa homenaxe –quizais a que el querería– que sempre lle poderemos facer a Pucho Boedo é escoitar as súas cancións. Escollemos tres das máis coñecidas:

“Cantiga”:

“Airiños, airiños aires”:

“Mi tierra gallega”:


Praza do monumento a Pucho no Ventorrillo

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies