Queremos galego no Congreso

Queremos galego no Congreso

A plataforma Queremos Galego, da que ACAB fai parte, está a levar a cabo unha recollidade sinaturas de apoio A QUEREMOS GALEGO NO CONGRESO.

Ante a presentación o martes 19 de setembro de 2023 da reforma do Regulamento do Congreso mediante a cal se permitirá que se empreguen todas as linguas que teñen a condición de oficiais no Estado español, as persoas abaixo asinantes queremos manifestar o seguinte:

  1. Apoiamos que se produza a aprobación desta iniciativa que permitirá achegar a nosa lingua a un ámbito institucional onde até o de agora non estaba permitido o seu emprego. Non sen tempo se produce a corrección desta anormalidade democrática e non podemos máis que valorala moi positivamente.
  2. Agardamos que as nosas e os nosos representantes na Cámara Baixa sexan consecuentes co compromiso co seu país e que empreguen a lingua galega a partir de agora en todas as intervencións que realicen, contribuíndo desta maneira non só ao seu coñecemento e divulgación, senón tamén ao seu prestixio e normalización.
  3. A oposición que amosa o Partido Popular a esta medida non por agardada é menos dolorosa. Máis aínda cando pensamos que é o Partido Popular quen mantén o goberno galego que ten entre as súas obrigas, segundo se desprende do noso Estatuto de Autonomía, a de potenciar a súa presenza e uso en todos os ámbitos. Emprazamos, por tanto, ao Partido Popular, a que tamén se sume ao resto de forzas políticas para apoiar esta modificación do Regulamento do Congreso.

Podes asinar este manifesto na web de Queremos Galego.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies