Reimundo Patiño: Día da Ilustración 2022

Día da ilustración 2022

Cada 30 de xaneiro –coincidido coa data de nacemento de Castelao– a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galiza organizan o Día da Ilustración. Trátase de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, e de homenaxear cada ano un ilustrador histórico galego, que mereza ser redescuberto polas novas xeracións de lectores e creadores.

Día da Ilustración 2022

Algúns dos últimos homenaxeados foron: Álvaro Cebreiro, no 2017; Camilo Díaz Baliño, no 2018; Federico Ribas, no 2019; Cándido Fernández Mazas, no 2020 e Lolita Díaz Baliño, no 2021. O escollido para homenaxear neste 2022 é Reimundo Patiño.

Grupo Brais PintoNado na Coruña o día 8 de marzo de 1936, Reimundo Patiño Mancebo é un destacado pintor e debuxante, un pioneiro da banda deseñada na Galiza. Tamén un incansable militante político, de aí que a súa obra mesture compromiso político e modernidade artística. Aos seis anos trasládase a Monforte, e xa de volta na Coruña ingresa na Escola de Comercio, onde coñece a Xohán Casal, que o poñerá en contacto coa cultura galeguista. De 1953 datan os seus primeiros cadros: a serie “As sardiñas”.

No ano 1958, Reimundo trasládase a Madrid. Alí descobre a pintura de vangarda e participou na fundación do grupo Brais Pinto, xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Bernardino Graña, Xosé Fernández Ferreiro, Alexandre Cribeiro, Ramón Lourenzo, Ben–Cho–Shey, Herminio Barreiro e César Arias.

O compromiso político de Reimundo Patiño levouno en 1964 a ser un dos fundadores da Unión do Pobo Galego (UPG).

Ademais de publicar diversos ensaios sobre a arte galega, Patiño foi o introdutor do expresionismo abstracto na pintura galega. Estudando as formas da paisaxe e da arte popular quixo unir a cultura galega á modernidade que daquela representaba o expresionismo e o surrealismo.

Día da Ilustración 2022 – Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

De 1971 é unha das súas obras máis coñecidas, O home que fala vegliota. É unha banda deseñada en forma de mural na que hai unha reivindicación do idioma galego.

Fala Vegliota

O Home que Falaba Vegliota, 1972

Xunto con Xaquín Marín, en 1975 Reimundo Patiño publicou 2 Viaxes, que sería o primeiro álbum galego de banda desdeñada.

Viaxes - Xaquín Marín e Reimundo Patiño

Reimundo Patiño falecía na Coruña o día 20 de agosto de 1985. Oxalá a homenaxe do Día da Ilustración que se lle dedica este 30 de xaneiro contribúa a coñecer mellor unha figura fundamental da cultura galega da segunda metade do século XX.

Catro visións sobre Reimundo Patiño – Día da Ilustración.

O Día da Ilustración Galega recupera a figura fundamental de Reimundo Patiño. Nós Diario, 25 de xaneiro de 2022.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies