Rosalía de Castro, sempre Pobo

Busto de Rosalía de Castro

“Puxen o mayor coidado, en reprodusir ó verdadeiro esprito d’ ó noso pobo”

(Rosalía)

“Co lapis ou a pluma só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas”

(Castelao)

Casa de Rosalía de Castro

Os estudosos sempre sinalan que Rosalía e Castelao simbolizan a comuñón co pobo galego. Carvalho Calero afirma:

Castelao, como Rosalía, crióuse antre campesinos ou mariñeiros, e o feito de que ambos escritores viviran nun ambiente familiar de maior folgura económica que os paisanos máis pobres, non nos autoriza a consideralos membros dunha clase social allea á xente de traballo. En todo caso, eles foron os dous grandes descobridores da dignidade do labrador galego. Castelao non necesita caracterizarse de poeta social para cantar ao home do pobo. Como Rosalía, síntese un co pobo, e de xeito tan natural, que non se lle pasa polas mentes xustificar doutrinalmente o que é nel unha vivencia necesaria.

Como viamos nas citas do inicio, tanto Rosalía como Castelao buscaron esa identificación co pobo galego e así o deixaron por escrito. A continuación –e centrándonos en Rosalía de Castro–, faremos unha pequena selección de fragmentos da súa obra nos que se amose esa comuñón e solidariedade co pobo galego.

Casa de Rosalía de Castro

En 1863, Rosalía publicaba Cantares gallegos. Xa ao principio do Prólogo nos dá a coñecer os obxectivos que pretende:

Dar á conocer tantas bellezas de pirmeiro orden, tanto fuxitivo rayo d’ hermosura, como se desprende de cada costume, de cada pensamento escapado á este pobo á quen moitos chaman estúpido, e á quen quisais xuzguen insensibre, estraño a devina poesia.

Rosalía pretende loitar e desfacer a imaxe que os de fóra teñen de Galiza e o seu pobo así como as inxustizas, vexacións e maltratos que sufrían os galegos fóra:

Mais he aqui qu’ ó mais triste nesta cuestion, é á falsedade con que fora d’ aqui pintan así ôs fillos de Galicia com’ á Galicia mesma, á quen xeneralmente xuzgan ó mais despreciable e feyo d’ España, cando acaso sea ó mais hermoso e dino d’ alabanza.

E, para cumprir eses obxectivos, Rosalía de Castro non podía escoller outra lingua ca a “lingua proletaria do meu pobo”, que escribiría anos máis tarde Celso Emilio Ferreiro. Porque Rosalía tamén se marcou como obxectivo demostrar que a lingua galega é apropiada para facer poesía:

Cantar as bellezas da nosa terra naquel dialecto soave e mimoso, que queren facer barbaro, os que non saben que aventaxa âs demais linguas en doçura e armonia.

Rosalía utiliza a lingua do pobo porque ela pretende reproducir o seu espíritu:

Sin gramatica, nin regras de ningun–ha clás, ó lector topará moitas veces faltas d’ ortografia, xiros que disoarán ôs oidos d’ un purista, pró ô menos, e prá disculpar en algo estes defectos, puxen o mayor coidado, en reprodusir ó verdadeiro esprito d’ ó noso pobo.

Roseira

Tras o prólogo, os poemas de Cantares gallegos están postos na voz dunha rapaza do pobo, á que no primeiro poema se lle pide que cante:

As de cantar

Meniña gaiteira,

As de cantar

Que me morro de pena

………………………….

Cantar t’ ei, Galicia,

Na lengua gallega,

Consolo dos males,

Alivio das penas.

Uxía ponlle música a Has de cantar:

Rosalía dóese da pobreza do pobo. O “meniño” quedou só porque súa vai no muíño e seu pai na leña seca e como non ten quen o coide, ten que ir a Virxe darlle a teta:

Tremando malpocadiño,

Com’ as ovelliñas treman.

Sin cobirtor que te cruba

Nun–has palliñas te deitan

E neve e chuvia en ti caen

Por antr’ as fendidas tellas.

………………………………

Ay! mas valera meniño

Que quen te dou non te dera,

Qu’ os flllos dos probes nacen,

Nacen para tales penas.

…………………………………..

Y á Virxen santa, vestida

Con vestido de inocencia,

Por que de fame non morra,

E fartiño s’ adormeça,

Dalle maná do seu peito

Con qu’ os seus lábios refresca.

No poema “Castellana de Castilla” a voz poética quéixase do maltrato por parte da señora castelá, algo que parece pasar habitualmente cos galegos:

En vano intento señora

Saber por que me maltrata

………………………………

Din que na nobre Castilla

Asi os gallegos se trata

Á emigración –Galicia está condenada ao abandono– e ás súas moitas consecuencias dedícalle en Follas novas moitos poemas. En “Castellanos de Castilla” –de Cantares gallegos–, xa Rosalía denuncia a explotación e o maltrato dos galegos en terras estranxeiras:

Castellanos de Castilla,

Tratade ben ós gallegos;

Cando van, van como rosas,

Cando vên, vên como negros.

………………………………….

Aló van, mal pocadiños,

Todos d’esperanzas cheyos,

E volven ay! sin ventura,

Con un caudal de despreços.

 

Van probes, e tornan probes,

Van sans, e tornan enfermos,

Qu’ anq’ eles son como rosas,

Tratádelos coma negros.

RoseiraAid interpreta Castellanos de Castilla:

En 1880, Rosalía de Castro publica Follas novas. Na “dedicatoria” xa nos adianta que o libro “trata d’as cousas d’a terra, e vay escrita n’a nosa lengoa”. Cun carácter máis intimista ca Cantares gallegos, en Follas novas deixa moi clara a súa defensa das clases populares: aldeáns, mariñeiros e –sobre todo– das mulleres que padecen –aquí– a soidade, a pobreza e as consecuencias da emigración. Neste sentido, son moi clarificadoras “Dúas palabras da autora” ao inicio do libro:

E ¡sófrese tanto n’esta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando d’o eterno infortunio que afrixe os nosos aldeans e mariñeiros, soya e verdadeira xente d’o trabaIlo n’o noso pais. Vin e sentin as suas penas como si fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e po–lo tanto non podia deixar de ter un eco n’a miña poesia, foron as innumerables coitas d’as nosas mulleres: criaturas amantes para os seus y os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo, como brandas de corazon e tamen tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir, á parte mais froxa e inxel d’a humanidade. N’o campo compartindo mitade por mitade c’os seus homes as rudas faenas, n’a casa soportando valerosamente as ansias d’a maternidade, os traballos domesticos e as arideces d’a probeza. Soyas ó mais d’ o tempo, tendo que traballar de sol á sol, e sin axuda pra mal manterse, pra manter os seus fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas á non atoparen nunca reposo se non n’a tomba.

 A emigrazon y ó Rey arrebatanlles de contino, o amante, o hirman, o seu home, sosten d’a familia decote numerosa, e asi, abandonadas, chorando ó seu desamparo, pasan a amarga vida antr’as incertidumbres d’a esperanza, á negrura d’a soidade y as angustias d’un–ha perene miseria.

É clara a solidariedade e a defensa que fai Rosalía de Castro do pobo galego. No entanto, imos sinalar algúns fragmentos de Follas novas onde podemos atopar esa dor e compaixón polo sufrimento do pobo. Como xa dixemos, hai continuas referencias á pobreza:

 Vin de Santiago á Padron

C’un chover qu’era arroyar

Descalciña de pé e perna,

Sin comer nin almorzar.

Po–lo camiño atopaba

Ricas cousas que mercar,

Y anque ganas tiña d’elas

Non tiña par’as pagar.

N’os mesons arrecendía

A cousas de bon gustar,

Mais o que non ten diñeiro

Sin elas ten que pasar.

A pobreza do pobo leva á emigración deixando un país cheo de orfos e de “ viúdas de vivos e de mortos”, tal é o título do quinto apartado de Follas novas. As mulleres desgrazadas, marxinadas e soas sofren as consecuencias deste éxodo forzoso:

Venderonll’os bois,

Venderonll’as vacas,

O pote d’o caldo

Y á manta d’a cama.

 Venderonll’ó carro

Y as leiras que tiña,

Deiarono soyo

C’o á roupa vestida.

 —María, eu son mozo,

Pedir non m’é dado,

Eu vou pó–Io mundo

Pra ver de ganalo.

 Galicia está probe,

Y á Habana me vou…

¡Adios, adios, prendas

D’o meu corazon!

………………………….

Este vaise y aquel vaise

E todos, todos se van,

Galicia, sin homes quedas

Que te poidan traballar.

Tes en cambio orfos e orfas

E campos de soledad,

E nais que non teñen fillos

E fillos que non tên pais.

E tês corazons que sufren

Longas ausencias mortás,

Viudas de vivos e mortos

Que ninguen consolará.

Ponlle música ao poema ¡Prá á Habana! Amancio Prada:

Casa de Rosalía de Castro

Coñecidos son os versos de “Tecín soya á niña tea”, onde se doe e lamenta da soidade da muller.

Tecin soya á miña tea,

Sembrey soya o meu nabal,

Soya vou por leña ô monte,

Soya á veo arder n’o lar.

Nin n’a fonte nin n’o prado

Asi morra c’o á carráx

El non ha de virm’ á erguer,

El a non me pousará.

¡Que tristeza! ó vento soa,

Canta ó grilo ô seu compás…

Ferbe o pote… mais, meu caldo,

Soiña t’hey de cear.

Cala rula, os teus arrulos

Ganas de morrer me dan,

Cala, grilo, que si cantas

Sinto negras soïdás.

O meu homiño perdeuse,

Ninguen sabe en onde vay…

Anduriña que pasache

Con él as ondas d’o mar,

Anduriña, voa, voa,

Ven e dime en ond’está.

Guadi Galego ponlle música a Tecín soia:

Finalizamos citando o último poema de Follas novas. En “Tan soyo” a voz poética deixa claro que a muller leva a peor parte nesta situación, tal é así –e isto aparece tamén noutros poemas– que o seu sufrimento só terá fin coa morte:

Os dous d’a terra lonxe

Andamos e sufrimos ¡ay de min!

Mais ti tan soyo te recordas d’ela,

Y eu, d’ela e mais de ti.

Ambos errantes po–lo mundo andamos

Y as nosas forzas acabando van,

Mas ¡ay! tí n’ela atoparás descanso

Y eu tan soyo n’a morte o ey d’atopar.

Tumba de Rosalía de Castro

Como diciamos ao principio, o pobo galego ten en Rosalía e Castelao e seus máximos defensores. Poderían ter feito outra escolla –como ben sinalaba Carvalho Calero, ambos os dous escritores viviron nun ambiente familiar de maior folgura ca os seus paisanos más pobres– pero non a fixeron. Ao contrario, identificáronse totalmente co pobo e saíron na súa defensa.

Uxía e L.E. Batallán póñenlle voz aos versos de Curros dedicados a Rosalía:

rosa

__________________________________

Agás a de Bonaval, as outras fotografías deste artigo están sacadas na Casa Museo de Rosalía en Padrón.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies