Santo Amaro, lanzadeira de versos

Se para o historiador Suso Martínez, o cemiterio coruñés de Santo Amaro é unha “lanzadeira de ánimas”, ten que ser á forza, tamén, unha lanzadeira de versos. Tal é o número e a importancia de poetas galegos que nel descansan. No fermoso Pregón da Feira do Libro da Coruña (1-8-2015), Mercedes Queixas referíase a Santo Amaro como un “Museo de memoria viva… en conversa diaria co mar coruñés, que leva nome de muller, o mar de María Antonia”. E, canta razón ten Mercedes.

En Santo Amaro descansan os restos de Luís Seoane (1910-1997). Organizador e promotor da vida cultural no exilio, quixo deixar claro nos seus versos que na emigración non sempre un se facía rico:

“Cando morreu, ao seu sobriño desconocido, Dalmacio da Cruña,
quedáronlle do tío de América uns poucos dólares
e tamén o castelo ergueito sobor de rochas, broslado de escumas da mar,
que o tío americano tiña soñado
nas minas de Pensilvanya, no porto de New York, nos trigaes de Minnesota, nos pomareiros de California.”

Hoxe, o autor de Fardel de eisiliado (1952) descansa ao lado do mar da súa terra, el que tanta veces o cruzou camiño de América.

No ano 1904, antes de volver para Cuba, Curros Enríquez despedíase do “pobo cruñés”:

“¡Adiós, Orzán temestoso,
Mestre-cantor afamado,
que presides os concertos
dos trobadores cantábricos;
patria de meu pai querida,
montes irtos, verdes campos,
mallas, degrúas, esfollas,
nas noites de luar craro,
romarías, gaitas, festas
arredor do santuario,
adiós! ¡E adiós compañeiros
i amigos do vello bardo!
Con fonda pena vos deixa
meu corazón desolado;
mais así o quer o destino
e non é ben contraríalo.”

Pero en 1908, os seus restos son acompañados por unha multitude a Santo Amaro, onde hoxe descansan. E, é que o autor de Aires da miña terra (1880) tiña que descansar nunha cidade que amaba:

¡Ouh, meiga cibdá d’a Cruña,
Cibdá d’a torre herculina,
De xeneraciós recordo
Máis fortes q’ as d’ hoxe en dia;
Cibdá que por’sobr’ os mares
Érguel-a cabeza altíva,
Cal onte n ‘as tuas murallas
O brazo de MARÍA PITA:
¿Qué tés n’ese teu recinto,
Que tés pr’os que te visitan,
Que conecerte non poden
Sin que deixarte non sintan?

Outro dos grandes do Rexurdimento e da nosa literatura que descansa no Cemiterio de Santo Amaro é Eduardo Pondal Abente (1935-1917). O bardo, que morreu no hotel La Luguesa da Coruña, tiña claro o destino que quería para os seus restos:

“Se non for na Ponte-Ceso,
sepultádeme na Cruña,
nesta garrida ciudade
que mil bellezas aduna,
a cabo do insigne Curros,
xa que a del i a miña musa
a fala de Breogán
fixeron nobre e robusta:
eu quero xacer de par
de tan nobre sepultura…
Se non for na Ponte-Ceso,
sepultádeme na Cruña”.

E, os desexos do bardo cumpríronse: hoxe descansa na Coruña, en Santo Amaro, preto de Curros Enríquez.

Se hai unha persoa que sentiu, comprendeu e viviu a cidade, así aparece nos seus versos, foi Luísa Villalta (1957-2004). Para ela, A Coruña é “unha cidade tatuada na pétrea pel do mar”. Tan identificada se sentía coa cidade que no texto “Poema da Cidade Alta” escribe

“O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente”

Luísa tamén descansa desde o 2004 en Santo Amaro, nese “museo de memoria viva” que é o Cemiterio da Coruña.

En Santo Amaro, ademais dos citados e de prosistas en galego, tamén descansan os restos de autores de versos como Miguel González Garcés, Francisca Herrera ou Manuel Lugrís Freire. E, como non, os de Pucho Boedo para que os versos poidan saír pola lanzadeira na súa harmoniosa e potente voz.

No citado pregón da Feira do Libro da Coruña de 2015, afirmaba Mercedes Queixas que “cada espazo desta cidade convértese nun Km. 0 para o inicio dun paseo literario da man dos moitos escritores que viven perto de nós”. Estas atinadas palabras valen tamén para Cemiterio de Santo Amaro. Ese “museo de memoria viva”. Esa lanzadeira de versos.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies