O señor está co libro

Agora que andamos arredor do Día Internacional do Libro -23 de abril-, podemos recordar como chegaron a descubrilo algúns dos nosos personaxes literarios. Escollemos un da época da Xeración Nós e outro máis actual.

O porco de péUn caso curioso foi o de Don CelidonioO porco de pé (1928), de Vicente Risco-. O protagonista da novela do ourensán, na posguerra, “ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde”. Non queda moi ben parado Don Celidonio nas descricións de Risco:

“Así coma é grasento o corpo, tamén o miolo de Don Celidonio… carne y esprito son a mesma zorza, misturada e revolta.”

Visto isto, tardou en descubrir que existían os libros e fíxoo neste momento:

“Do seu trato co-a políteca, sacou D. Celidonio moito proveito. Chegou a s’enteirar de qu’eisistían uns sorte de aparatiños, ou cousa así, chamados libros, da feitura dos que tiña na tenda o seu tenedor, mais en troques de teren números escritos á mau, tiñan letra de imprenta, igual qu’os periódicos ises que traen as noticias, e que sirven pr’empaquetar e para outros usos reservados e traseiros.”

Deuse conta don Celidonio de que naqueles “aparatiños” uns “refollaban e lían niles”, pero outros só os tiñan “enringleirados en alzadeiros com’os da sua tenda.” Non, non tirou moito proveito dos libros, o noso protagonista.

O lapis do carpinteiroBenito MalloO lapis do carpinteiro (1998), de Manuel Rivas- non tiña, tampouco, moito trato cos libros. El, que tamén se fixera rico:

“Lía con dificultade. Eu non tiven escola, dicía…Os únicos papeis aos que concedía valor eran as escrituras de propiedade.”

A actitude do avó de Marisa Mallo cambiou un pouco cando mercou o pazo de Fronteira coa súa gran biblioteca. Pero, aínda “pasarían anos ata que Benito Mallo volvese reparar naquela biblioteca que emparedaba o escritorio, o salón e un longo corredor do pazo.” Cando o fixo, comezou a ler poesía e destinaba un tempiño á lectura. Neses momentos estaba tan “abstraído” que “instruíu á servidume para que ninguén o interrompese, e eles incorporaron unha nova expresión, como se fora un costume inveterado: o señor está co libro.

A descuberta de Benito Mallo causoulle tanta impresión que o día da presentación en sociedade da súa neta, Marisa, quixo declamar “un poema que compuxen na honra dos nosos vellos devanceiros”:

“Nuestras vidas son los ríos
Que van a dar a la mar,
Que es el morir…”

Benito Mallo seguiu recitando, como se fosen seus, versos de Lope de Vega e Espronceda. Descubrira os libros e a poesía.

O libro é, fundamentalmente, palabra e esta:

“A PALABRA é a única chave que abre
a nosa soedade e pon, á luz
do sol e do luar,
a choída intimidade máis escura.
A palabra nomea e crea ás cousas,
pon orde no mundo
e armoniza toda a creación.
Cando prostituímos a palabra
estamos invocando ó demoníaco.
E se deixamos morrer a palabra
o universo enteiro
dóese de orfandade e desamparo.”
(Manuel María)

Leamos, pois, para abrir a nosa soedade e darlle luz, para por orde no mundo, para harmonizar a creación… ou para o que sexa ou queiramos. Ardeu a Biblioteca de Alexandría, ardeu a Biblioteca Municipal d´O porco de pé, pero, por sorte, como ben dixo Manuel Rivas, os libros arden mal.

Queima de libros

Queima de libros na Opernpltaz, diante da universidade Humboldt, en Berlín, o 10 de maio de 1933

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies