Setenta anos de Simone de Beauvoir

Simone de Beauvoir en BeijingReferímonos, claro está, non a 70 anos do seu nacemento, senón aos 70  da publicación dun clásico contemporáneo: Le deuxième sexe (título suxerido polo seu amigo Jacques Bost, dedicatario da obra), publicado xustamente no ecuador da vida de Simone de Beauvoir (1908-1986), que conta con tradución ao galego desde 2010. É a obra dunha filósofa que se constituíu non só nun texto clásico a partir do cal se desenvolveu todo un caudal de análises, de revisións e de críticas no campo do feminismo, senón na obra que inaugura unha nova epistemoloxía no tratamento da condición feminina e, loxicamente, da condición masculina. O primeiro volume, titulado “Os feitos e os mitos”, apareceu no mes de xuño de 1949 e o segundo, “A experiencia vivida”, no mes de novembro dese ano. En tan só unha semana, daquela primeira entrega vendéronse (en Franza) vinte e dous mil exemplares e tamén axiña foi incluído no Índice de libros prohibidos do Vaticano. Le deuxième sexeA segunda entrega desatou as iras de tirios e troianos: nela, a autora pon o dedo na ferida de temas sensíbeis e de plena actualidade: a necesidade de independencia económica, a maternidade, as relacións amorosas, a precisión da loita colectiva… Camus criticouna por ter ridiculizado o macho francés; só Sartre e Merleau-Ponty  -dentro do círculo de intelectuais en que se movía-  a apoiaron. Lóxico: Beauvoir non aforra clareza nen contundencia nos seus asertos; non sobrevoa lixeiramente polo tema, senón que o disecciona con escalpelo de analista racional e coñecedora de fontes históricas, filosóficas, teolóxicas e pretensamente científicas. De feito, o primeiro volume está encabezado por dúas citacións antitéticas: unha de Pitágoras (“Hai un principio bon que creou a orde, a luz e o home, e un principio mau que creou o caos, as tebras e a muller”) e unha de Poullain de la Barre (“Todo canto escreberon  os homes sobre as mulleres debe ser sospeitoso, pois son a un tempo xuíz e parte”), que nos leva inevitabelmente ao noso P. Feixoo (“defender todas as mulleres vén ser o mesmo que ofender case todos os homes, pois raro hai que non se interese na precedencia do seu sexo con desestima do outro”).

Tantas e tantas afirmacións na súa teoría pioneira nos levan da man á potencia poética de Rosalía de Castro, na súa persoa e na súa obra. Relembremos só unha: “O home defínese como ser humano e a muller como feminina. Cando ela se comporta como un ser humano, dise que está imitando o varón”. Cómpre aínda un estudo do profundo feminismo rosaliano á luz de quen puido teorizar, case cen anos despois, sobre as mulleres e o seu ser e estar no mundo. Niso estamos.

Artigo de María Pilar García Negro

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies