Somos porque outras foron

Corría o ano 1918 e na Galiza estaban a ocorrer feitos de grande transcendencia. No mes de marzo, por exemplo prodúcese en Ferrol unha folga de mulleres; estas folgas de consumos xa se tiñan producido no país en anos anteriores e tamén nesta ocasión son as mulleres as que se poñen á fronte do conflito nun exemplo de organización e de autoxestión. Nese mesmo ano celebraríase a I Asemblea Nacionalista no mes de novembro en Lugo, o acto de maior transcendencia política das Irmandades da Fala, onde se elabora un Manifesto que é un programa de goberno.

E en canto isto sucedía, nacía na Coruña a sección feminina das Irmandades da Fala. Duascentas mulleres, segundo conta o órgano das Irmandades, A Nosa Terra, facían parte desa sección feminina. A súa conselleira primeira foi inicialmente Micaela Chao Maciñeira e formaban aquela primeira Xunta Directiva Ermitas López Verdes (que logo sería a muller de Peña Novo) como tesoureira, Elvira Bao como secretaria, María Miramontes como vogal etc.

Desde os primeiros meses de 1918 comezan a aparecer en A Nosa Terra as primeiras referencias á Sección Feminina, embora este grupo non contase aínda con estatutos nin regulamentos. En decembro dese ano publícase a composición da Xunta Xeral da Irmandade Feminina, conformada por Xosefa Vázquez (conselleira primeira) substituíndo Micaela Chao Manciñeira, ao paso que continúan no seu cometido Elvira Bao (secretaria), Ermitas López Verdes (tesoureira), Maria Miramontes…

Escolas do Ensiño GalegoEstas son as mulleres que van traballar arreo na creación das Escolas de Ensiño galego, e son tamán as que participan nos traballos do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego (creado en 1918), as que formarán a Agrupación Republicana Feminina (o espazo común das mulleres galeguistas e republicanas da Coruña), que se constituíu oficialmente na Coruña o día 13 de abril de 1933 para “defender os dereitos femininos e labourar pola consecución dos aínda non recoñecidos” segundo se recollía nos seus estatutos.

Editaren folletos de propaganda propios, recolleren información sobre a situación laboral da muller galega (para, despois de a estudaren e de a analizaren, proporen alternativas), participaren en determinados actos públicos ou interesaren os Centros Galegos de América pola protección á muller emigrada foron algúns dos obxectivos da Sección feminina das IdaF.

roteiro-mulleres-irmandades

Pincha sobre o mapa para agrandar

Así, para facer unha homenaxe ás mulleres Irmandiñas e para o recoñecemento de catro figuras claves, no sábado 27 de xaneiro faremos un roteiro. Catro nomes propios con traballo relevante e compromiso auténtico, fundamentais por si mesmas, non por seren “as mulleres de” como tradicionalmente se nos contou. Mulleres que non quixeron ser –e non foron– satélite de ninguén, senón que brillaron con luz propia.

 

NOMES PARA LEMBRARMOS

Micaela Chao Maciñeira. No acto fundacional da Irmandade coruñesa, que tivo lugar o día 18 de maio de 1916, Micaela foi a única muller presente, mais prensa non fai referencia a ela; así se recolle en La Voz de Galicia: “Entre los reunidos hallábanse los señores Lugrís Freire, Villar Ponte (D. Ramón y D. Antonio), Vaamonde (D. Florencio), Carrré ( D. Eugenio), Vaamonde (D. César) […] Chao Maciñeira”, mais nada aclara de que a esa reunión asistiron dous irmáns, Micaela e Antonio Chao Maciñeira. É Micaela Chao a principal animadora da constitución dunha Sección Feminina no seo da Irmandade, unha das impulsoras do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego, a que fai parte da delegación das Irmandades da Fala que viaxou á Catalunya en 1917, a que sempre participa no teatro, a que toca o piano para amenizar as veladas das Irmandades… Cando morre Micaela, o seu home, Antón Vilar Ponte, di nunha carta a Álvaro Cebreiro: “a miña muller, ti ben o sabes, nunca foi plomo de cordura burguesa, sempre foi ás para min. Veume ameazado de morte e lonxe de me apoucar dábame azos. Veume no cárcere, e experimentaba fondo orgullo por elo”.

Elvira Bao foi unha mestra comprometida cos máis débeis, capaz de denunciar o administrador do Hospital de Oza porque metía no seu peto os cartos que tiñan de ir para a alimentación das crianzas que alí estaban ingresadas. Elvira, xunto co seu home, Benardino Varela, como impulsores das Escolas de Ensiño Galego e bos coñecedores da necesidade de libros en galego para as nenas e os nenos, encarrega a Vicente Risco un texto para comezar a edición de libros en lingua galega destinada á xente miúda; ese Rei Avarento será o primeiro libro para crianzas en galego. Foi a mesma Elvira Bao que encabeza a manifestación do día 1º de maio. Ou a Elvira Bao que participa con outros oradores no mitin do Partido galeguista en Cambre. Ou a Elvira Bao que bota meses no cárcere da Coruña e que é expulsada de xeito definitivo da súa praza de mestra.

Amparo López Jean pertenceu ao Partido Galeguista e ingresaría nel o día 6 de maio de 1935 (foi a primeira muller na Coruña en militar nesa organización), colaborou economicamente nas campañas e fixo parte do seu Comité Local en 1936. Desenvolveu un traballo fundamental na Agrupación Republicana Feminina da Coruña, de que foi primeiro secretaria e logo presidenta. Durante a guerra, xa en Barcelona, foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas e vogal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo, colaborando nos comités de axuda aos soldados galegos na fronte de batalla.

María Miramontes traballaba na Coruña nun obradoiro de costura e, moi nova aínda, comezou a militar nas Irmandades da Fala e fará parte da súa Xunta Directiva. Será nestes ambientes republicanos, progresistas e galeguistas onde coñece o home con que vai compartir vida e militanza: Ánxel Casal. Ela foi o traballo e o alento desta parella, o sustento económico de moitos proxectos editoriais, de Lar e de Nós e doutros moitos, das Escolas de Ensiño Galego. No ano 1933, no Día da Patria, un grupo de mulleres militantes do Partido Galeguista, entre as que está María, asina un chamamento público dirixido a todas as mulleres para tomaren conciencia dos valores galegos. O día 17 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto de Galicia, xunto a toda a Comisión designada para esta función, ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República e nesta fotografía histórica que recolle ese momento a única muller que aparece é María Miramontes.

Estatuto

Documentos, como este que presentamos, foron elaborados pola sección feminina das Irmandades:

Fullscreen Mode

 

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies