Tolerancia cero co franquismo

Como sociólogo, e a título particular, levo varios meses facendo un estudo sociolóxico sobre a simboloxía franquista que queda por retirar na Coruña, once anos despois da aprobación da Lei da Memoria Histórica, con este resultado:

AÍNDA QUEDAN 106 SÍMBOLOS FRANQUISTAS POR RETIRAR NO CONCELLO DA CORUÑA (74) E NA DEPUTACIÓN (32).

UNHA VERGOÑA! que sitúa á nosa cidade entre as que teñen máis simboloxía franquista.

Símbolos franquistas ante a sede do goberno galegoEste traballo de investigación de 68 páxinas será enviado ao alcalde da Coruña (para o Consello da Memoria Democrática), á Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña e ao Presidente da Deputación e CRMH.

En 2004 presentaba unha iniciativa cívica, baixo o lema “Tolerancia cero co franquismo” que culminaba coa constitución da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. A día de hoxe, este lema ten plena vixencia.

Se falamos de acabar cos restos do franquismo, de poñer freo á extrema dereita, unha sociedade e unhas institucións democráticas non poden manter 106 símbolos franquistas.

Este informe quere acabar con case dous anos de silencio e coa mensaxe compracente de que “xa acabamos con toda a simboloxía franquista”, que non ten nada que ver coa realidade e, ademais, contribúe á desmobilización da cidadanía.

As organización políticas deberían actuar cun mínimo de coherencia política, cos mesmos criterios en todos os concellos e institucións, e deberían retirar a simboloxía franquista por respecto ás vítimas do franquismo.

Valentín González Formoso non pode retirar, como Alcalde das Pontes no pleno de xaneiro de 2009, as distincións honoríficas a José Antonio Girón de Velasco, falanxista e ministro de Franco, e ao xeneral golpista Constantino Lobo, e manter en 2018, como Presidente da Deputación, a esas dúas persoas coa distinción de Fillo Adoptivo da provincia.

Se a Deputación de Pontevedra aproba por unanimidade no Pleno de 29 de xullo retirar a Calvo Sotelo a distinción de Fillo Predilecto, este golpista non pode conservar sete distincións nos concello da Coruña: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao Calvo Sotelo, placa no vello cárcere provincial, retrato no Salón Real do palacio municipal de María Pita, Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto.

Se o concello de Pontevedra elimina en 2002 a rúa Salvador Moreno Fernández (hoxe Rosalía de Castro), cos votos do BNG e PSOE, este almirante golpista (bombardeou desde o cruceiro Canarias a unha multitude que fuxía pola estrada Málaga-Almería, despois da entrada dos fascistas en Málaga, asasinando a 5.000 persoas) non pode ser Fillo Adoptivo na Deputación da Coruña.

Se o concello de Santiago, no pleno do 19 de xullo de 2018, retira a Laureano López Rodó (votos a favor de PSOE, Compostela Aberta e BNG) as distincións de Alcalde Honorario e Fillo Adoptivo, o concello da Coruña non pode manter a distinción de Fillo Adoptivo a este ministro de Franco…

A continuación tedes os documentos coa relación dos 106 símbolos franquistas que quedan por retirar no concello da Coruña e a Deputación Provincial, e o informe de 68 páxinas que xustifica a proposta de eliminación.

Manuel Monge
A Coruña, decembro de 2018

INFORME DE SÍMBOLOS FRANQUISTAS POR RETIRAR

Informe para o Consello da Memoria Democrática, Cátedra de Memoria Histórica da UDC, Deputación e CRMH. Aínda quedan 106 símbolos franquistas por retirar no Concello da Coruña e na Deputación en aplicación da Lei da Memoria Histórica

Fullscreen Mode

RELACIÓN DOS 106 SÍMBOLOS FRANQUISTAS POR RETIRAR

Simboloxía franquista que queda por retirar. Relación dos 106 símbolos franquistas que quedan por eliminar no concello da Coruña e na Deputación.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies