Voces para Xela Arias

Xela Arias

Inconformista, solidaria, transgresora, rebelde, desobediente, liberadora, rigorosa, orixinal, persoal, desafía os moldes convencionais…son algunhas das expresións que se utilizan para aludir á voz de Xela Arias.

Son moitas as voces que se escoitan –e len– arredor da autora homenaxeada nas Letras Galegas de 2021. A continuación, facemos unha pequena selección desas voces sobre Xela Arias, sobre a súa vida e a súa obra.

Xela quixo ser elaAmparo Castaño era a segunda de seis irmáns nunha familia traballadora e economicamente desafogada. Tiñan dúas casas no campo, en Meixente e en Ortoá, mais outra na vila de Sarria, que foi onde a pequena Amparo foi á escola. Ao seu pai íalle ben o negocio da exportación de xamóns: produtos do porco galego que secaba e curaba para máis tarde ir vendelos a Madrid.

 Atraídos polo proxecto da granxa–escola de Barreiros, dous irmáns de Amparo decidiron ir estudar alí. Máis tarde tamén tivo o mesmo desexo outra das irmás, pois sabíase que Valentín era bo profesor e podía educala moi ben. Así coñeceu Amparo aquel mestre que, dende que marchara Avelino Pousa Antelo en 1955, se convertera no principal encargado da escola.

Gustáronse e comezaron a saír.

(Yolanda Castaño)

Xela Arias, nai e paiO pai era mestre na Granxa Escola que fundara Antonio Fernández (…) Logo casamos e Xela naceu alí. Eu traballaba facendo a comida para os nenos do colexio, pero a prioridade era a nena, dediqueime a ela as vinte e catro horas do día. Como estabamos nunha escola agrícola, había unha horta, un xardín e tamén un campo de fútbol, había espazo abondo. Ela era aínda moi pequena e non estaba escolarizada, pero os nenos da escola adorábana, xogaban con ela á hora do recreo. Era moi vivaz! Polas tardes, case a diario, iamos ver os meus pais, que vivían moi preto, co irmán seguinte, que só lle levaba dezaseis meses. El ía no coche e ela e mais eu andando pola estrada. Os veciños abraiábanse do rápido que camiñaba! (…) Na casa sempre falamos galego e os nenos lían tanto en galego como en castelán e en portugués, nunca tiveron problemas cos idiomas.

(Amparo Castaño, nai de Xela)

XelArias. Palabra á intemperieO lugar que habitamos é tamén o nome. E Xela primeiro foi María de los Ángeles, algo así como un retablo barroco con tules e sedas e anxiños panzudos a termar do seu nacemento. Unha bebé rosada e repoluda entre repoludos de madeira e pan de ouro, a iso soaba o seu primeiro nome. Logo foi Anxos, xa de seu, o anxo son eu, non termo de ninguén, aquí eu propia a sosterme e camiñar e xa despois Xela. Xela despeiteada polos camiños, Xela de si mesma, Xela sen máis, recén nacida nas catro letras do seu nome.

No mapa da memoria, os alfinetes con cabeza de cores. Sarria–Lugo–Sárdoma–Vigo. Vivo desde os sete anos en Vigo, onde me considero unha pedra máis. Este trazado familiar semella unha rosa dos ventos. Esa cartografía tan reducida do mundo pero quen pica os dedos é a poeta a quen xa lle apuntan os versos. Xoga pares contra impares, branco–negro, rural–urbano.

(Emma Pedreira–Laura Romero)

Xela foi a aparición do que me gustaría chegar a ser, antes case de formulalo. Ela xa vivía soa, traballaba nunha editorial e levaba un estilo de vida intrepidamente urbano canda eu comezaba a saír paseniño da casa da miña familia. Tiña tanta experiencia vital acumulada con case a mesma idade ca min que me fascinaba sen remedio. E inquedábame. Viña ás veces dunha negrura tan rebelde, dun nihilismo tan intenso que eu sentía que no seu corpo miúdo había inmensas lagoas misteriosas. Xela fincou unha pedrafita no meu proceso de crecemento e sen sabelo nin ela nin eu, convidoume a ser valente e auténtica.

Só dous anos maior ca min, Xela avanzara creativamente tanto que xa andaba na análise cubista de descompoñelo todo e ofrecer tantas facetas do poema coma fose posible. Era moi seria no tocante á escrita. Era intensa, a min impresionábame o respecto fondo que sentía polas palabras. Vivía a poesía dun xeito transcendente, prestáballe á forma unha atención de laboratorio científico e cada vez que lía en público, espía a alma. Porque Xela era alma. E o Alma, un pub de Vigo onde despois nos temos encontrado para falar das flores do mal e facer algún cadavre exquisito. Así, en plan Rimbaud e Baudelaire. Xela coqueteaba co malditismo, unha autoesixencia de coherencia literaria e vital que a min me inquedaba.

(Susana Trigo Arcos)

As inxustizas poñíana enferma. Foi sempre unha loitadora, esa coido que é a palabra que a define mellor. Loitou polas mulleres, polo galego, pola xente sen recursos, contra a guerra de Iraq… Onde puidese facer algo, alí estaba, sempre loitando contra vento e marea. E tamén foi loitadora como profesora. Sabía facerse cargo dos rapaces rebeldes, traballaba moitísimo con eles explicándolles a vida.

(Amparo Castaño, nai de Xela)

 Malia que por idade se adoitou considerala dentro do grupo dos 80, a súa modernidade, o afastamento do barroquismo, o contacto co que está a pasar na rúa e a solidez dunha voz lírica que se proxecta desde o ser muller, adianta as temáticas da poesía dos 90.

(Inma Otero Varela)

Xela, seguimos esixindo andar pola rúa soas, sen medo, de noite e de día, correr por lecer e non para fuxir. Seguimos esixindo unha xustiza que defenda a liberdade, que non sexa cómplice dunha manada de machotes violadores, de cazadores nouturnos ou diurnos que converten as mulleres nas súas presas, porque a manada é o sistema.

(Marga do Val)

Denuncia do equilibrio (1986):

Denuncia do equilibrioDenuncia do equilibrio estabelece un diálogo con escolleitas voces poéticas mediante un particular sistema de referencias intertextuais (…) Denuncia do equilibrio explora ademais o tema do amor procurando perspectivas innovadoras (…) Cómpre ademais non esquecer a rebeldía que leva a cuestionar a orde estabelecida –ese aparente equilibrio– e que confire ao poemario unha clara dimensión social (…) A renuncia a algunhas convencións e uns usos gramaticais que tensan a linguaxe caracterizan un libro, o primeiro dunha traxectoria infelizmente truncada, que semella estabelecer como incómodo principio o cuestionamento.

(María Xesús Nogueira Pereira)

No ano 1986 publica Denuncia do equilibrio na colección Ventobranco de Edicións Xerais. Poemas indagatorios de linguaxe fracturada que exploran un universo de suxeitos á procura. Voces dun eu que é múltiple e se desdobra, percorren en fuga, e ao tempo en tensa espera, unha paisaxe de espazos urbanos.

(Ana Romaní)

Tigres coma cabalos (1990):

Tigres coma cabalosNo seu segundo libro Xela Arias explora unha fórmula escasamente transitada na tradición galega como é o diálogo entre poesía e fotografía. O volume é unha colaboración con Xulio Gil que reúne dúas ducias de composicións con outras tantas fotografías case todas elas de corpos espidos. Os autores explicaron con detalle nunha nota limiar tanto o modo de traballo como o resultado, cuxa interpretación debe ter en conta o diálogo entre as dúas linguaxes empregadas (…) Os textos poéticos exploran unha serie de situacións dominadas pola atracción, a irracionalidade, a incomunicación, a fuxida ou o paradoxo.

(María Xesús Nogueira Pereira)

Darío a diario (1996):

Darío a diarioA terceira entrega de Xela Arias introduce algúns elementos innovadores na súa poética e achégase a un territorio inexplorado como é o da maternidade. A capa do libro, que reproduce a fotografía do seu fillo acabado de nacer, anticipa a centralidade deste na obra. Tamén o fai o titulo, que bota man dun eufónico xogo verbal e dunha literalidade que non estaba presente en obras anteriores. O rótulo adianta ademais os dous eixes que se harmonizan no poemario: o protagonismo do fillo Darío e a rutina cotiá da vida ao longo dos seus primeiros meses (…) Darío a diario aborda as mudanzas que a chegada do novo ser supoñen tanto para a identidade como para a vida cotiá da nai (…) A singularidade de Darío a diario non só radica na desidealización da maternidade para representar a súa cara –e a súa linguaxe– máis cotiá, senón tamén na vontade de transmitir un código de valores baseado na independencia para vivir un mundo sen imposicións.

(María Xesús Nogueira Pereira)

Xela AriasDarío a diario singularízase no corpus literario da escritora: mantén os trazos significativos mais o destinatario, o fillo, modula en parte o código, menos fracturado, máis sinxelo e poboado de referencias e imaxes da infancia. Ademais de se concibir como un agasallo a Darío, o libro ten vocación de diálogo colectivo arredor da maternidade e as súas mitificacións e desvela ao tempo á autora na súa propia experiencia afastada das idealizacións da sociedade patriarcal.

(Ana Romaní)

Intempériome (2003):

IntempériomeO derradeiro poemario publicado por Xela Arias adianta no título o exercicio de innovación lingüística practicado ao longo das súas páxinas. O neoloxismo baséase tamén nesta ocasión no emprego dun pronome sobre unha transcategorización gramatical que provoca estrañamento (…) A marxinalidade é unha escolla do suxeito feminino que abre Intempériome (…)

Intempériome, que convida a quen se achegue ás súas páxinas á contemplación dun espectáculo, conclúe coa reivindicación dun suxeito intempestivo que, no derradeiro poema, anima ao incendio.

(María Xesús Nogueira Pereira)

En xuño de 2003 sae do prelo Intempériome, un rotundo e lúcido libro negro que condensa as liñas máis persoais da súa escrita. (…) A obra exponse á intemperie, na núa e radical soidade dunha voz que interroga, cuestiona, difire, afástase e revólvese (…) Reclama a liberdade, cuestiona a alienación, a asimilación, insta a aventurarse, ironiza coas conquistas do escaparate, reclámase intempestiva, anima ao incendio, distánciase dos rigores produtivos.

(Ana Romaní)

De xeito totalmente inesperado, o 1 de novembro dese mesmo 2003, un ataque ao corazón acaba coa vida da poeta. No hospital non logran facer nada por salvala. Aos 41 anos, o tempo ponlle o punto final á historia da súa vida.

A noticia da morte temperá de Xela Arias corre polo país estarrecendo a todo o mundo. Custa demasiado crelo e encaixalo. Non colle a xente no seu enterro, que ten lugar no cemiterio de Pereiró (en Vigo). Falan no acto público a súa admirada M.ª Xosé Queizán, o seu amigo Xulián Maure e unha poeta admiradora dela que hoxe se encontra regalándolle estas páxinas. Salienta unha estampa que nos rompe por dentro: unha coroa pequena, das máis pequenas de todas, toda de flores brancas. <Do teu fillo Darío>.

Mais a voz non se apagou. Seguiu alentando en milleiros de palabras. Emocionándonos cos seus versos, ensinándonos a frase correcta, traendo as historias doutros mundos ata o noso. Tamén abríndonos novos xeitos de ser: mulleres distintas. A contracorrente. Ás veces fortes, ás veces fráxiles, mais sempre fieis a nós mesmas, poñendo a mesma ilusión en cada paso.

(Yolanda Castaño)

Xela Arias

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies