Xela Arias cántalle a Rosalía

D’aquelas que cantan as pombas y as frores

Todos din que teñen alma de muller,

Pois eu que n’as canto, Vire d’a Paloma,

¡Ay! ¿de que’ a terei?

Xela Arias

Xa en 1885, Curros Enríquez escribía o seu coñecido poema “A Rosalía“, con motivo do falecemento da autora. A figura de Rosalía de Castro espertou, en todas as épocas, a sensibilidade das creadoras e creadores. De dentro e de fóra de Galiza, como é o caso do poema –”Canzón de cuna para Rosalía Castro, morta”– de Federico García Lorca.

No ano 1997, a Fundación Rosalía de Castro –a idea partiu de Ana Blanco– editou un libro–cedé en homenaxe a Rosalía. Cumpríanse cincuenta anos do padroado que fixera realidade a casa–museo da escritora. Co título Daquelas que cantan, once mulleres rendían homenaxe a Rosalía.

Rosalía de Castro

O libro–cedé era unha gravación das voces das poetas cos seus versos dedicados a Rosalía, un acompañamento musical para cada poema –da autoría de Rodrigo Romaní– e os retratos das poetas –obra de María Esteirán.

Diante da casa de Rosalía

As once poetas –de distintas xeracións– eran:

Pura Vázquez (1918–2006):

Todo fala de ti. Silencio e pranto.

Rosalía de amor, coa dalia altiva

no clamor anceante do teu nome.

Luz Pozo Garza (1922–2020):

En Bonaval veño a pensar en ti

Para sentir a vida que abonda nunha bágoa

María do Carme Kruckenberg (1926–2015):

Hoxe pasei por Padrón,

Hoxe vin a Rosalía,

estaba erguida no monte

ollando pasar a vida

Xohana Torres (1929–2017):

Ti es para min isa barca que lembra

Toda a presencia de madeiras náufragas

María Xosé Queizán (1939):

Cansa de errar polos faiados

Tropezando en palabras balorentas

regresas ao bosque.

Helena Villar Janeiro (1949):

¿Por que nos mira o medo azul

pola xanela?

Chus Pato (1955):

Este é o retrato dunha muller, morta, pintado polo seu fillo que seguramente amaba

e esta, na que agora entras, a casa na que esta muller viviu

Pilar Pallarés (1957):

Pero agora estás morta

Moito antes de estar morta

Ana Romaní (1962):

O branco silencio das naus

enche o mar espido da hora

Yolanda Castaño (1977):

Dime quén es ás portas da cidade

ónde existes

E, deixamos para o final –no libro–cedé aparece en noveno lugar– a Xela Arias (1962–2003). A autora homenaxeada nas Letras Galegas en 2021 dedícalle a Rosalía de Castro o poema “A de quen comprende”:

I

 

A de quen comprende non é

palabra feliz.

 

A de quen transmite é

terminoloxía útil.

 

Se na vida cotiá o balazo

non rebenta en estourido a estupidez, pouco importa intelixencia ou sentimento.

 

II

 

Inmaculábante. Eras necesaria. Inmaculante. Es o principio da camiñada.

 

Mira como así rabenan,

rematan esgotado o teu dereito a rebentar.

 

Nada novo, inmaculada Rosalía.

Tal sempre mulleres confinadas na construcción

doutros,

comprendes:

revólveseche a arma contra ti.

 

A de quen comprende non é

palabra de feliz.

Estatua a Rosalía de Castro


Xela Arias recita o seu poema –”A de quen comprende“– dedicado a Rosalía, contido no libro–cedé Daquelas que cantan:

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies