Xesús San Luís Romero, zapateiro e escritor

Cando chega setembro, acaba o verán e vén o tempo do viño e a castaña, é o momento de recordar nunhas breves liñas a unha persoa que nacía o día nove deste mes en Carballo: Xesús San Luís Romero. O zapateiro escritor.

Vida e obra

Xesús San Luís RomeroComo diciamos, o día 9 de setembro de 1872 nacía en Carballo Xesús San Luís Romero. Logo de cursar os estudos primarios en Carballo, comezou a traballar como aprendiz de zapateiro. O seu pai, Francisco San Luís –presidente do Comité Republicano, síndico e alcalde de Carballo-, tiña un taller de zapatería.

Aos vinte anos, Xesús emigra á Arxentina. Alí traballou como operario e máis tarde foi cortador en varias fábricas de calzado. Colaborou no diario El Eco de Galicia, para o que escribiu artigos co pseudónimo “Un mozo bergantiñán”. Tamén escribiu os monólogos Por que me namorei? (1897) e No quinteiro, ademais da comedia O xastre aproveitado.

En 1902 volve a Galiza, establecéndose como zapateiro en Santiago de Compostela. Retoma a escrita colaborando en varios xornais (La Defensa, El Látigo, La Campana) con composicións anticaciquís. É a época da loita agraria que levaría a cabo Solidaridad Gallega e outras organización agrarias.

A volta do bergantiñánEn 1928 vía a luz o seu libro de poemas A volta do bergantiñán. Será no xénero dramático onde Xesús San Luís Romero nos deixe máis obras. É o caso da peza en verso O Fidalgo, estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela no ano 1918 e Rosiña, en 1921. No teatro do autor de Carballo atácanse os abusos do poder dos caciques.

Xesús San Luís Romero foi presidente do Centro Republicano de Santiago de Compostela entre 1920 e 1930. Na República, foi elixido concelleiro e formou parte da Comisión organizadora da Asemblea Rexional de Municipios de 1932 que decidiu a redacción do proxecto de Estatuto de Autonomía.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e procesado por masón, pasando trinta e tres meses na cadea. Volveu ao cárcere en 1941 en aplicación da lei de Represión da Masonería e do Comunismo. Xesús San Luís Romero morre en Santiago de Compostela en setembro de 1966.

………………………………………………………………………………..
Fragmento da peza O Fidalgo (escena IV)

PASCOALA.- (Oufendida)
¡Moller do meu home son!

 

FIDALGO.- (Con solermería)
Xa-o sei: pro, olla, Pascoala…

 

PASCOALA.- (Anoxada)
¡Non fale mais!

 

FIDALGO.- ¡Cala! ¡Cala!
Escoitam’unha razón.
¿Non ves pol’o mundo andar
Molleres de comenencia
Que deprenderon a cencia
De vivir sen traballar?

 

PASCOALA.- (Con altivés)
Non me faga comparanzas
E cale.

 

FIDALGO.- ¡Non, falarei
E ainda a ti me chegarei!
(Achegándose).

 

PASCOALA.- (Recuando)
¡Tiven moi boas crianzas!
Non son moller que se vende;
¿Tomoume por un sarillo?…
¡Non desgolleto o xustillo
Senón cando debo! ¿Entende?

 

FIDALGO.- Mira, Pascoala, ¡son rico!

 

PASCOALA.- ¡Eu probe; pro muy honrada!
De contra, muller casada.

 

FIDALGO.- (Impoñéndose)
¡Son fidalgo! cal’o pico…
Mira; ¿non sabes moi ben,
Que sangue nobre heredei
E que non me domeei
Nunca n’a vida a ninguén?

…………………………………………………………………………………………….

Para saber máis: A  volta do bergantiñán (Os libros de Ánxel Casal)
……………………………………………………………………………………………

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies