Xoán Manuel Pintos, o precursor

Xoán Manuel PintosO día 29 de xuño de 1876 morría en Vigo, aos sesenta e catro anos, Xoán Manuel Pintos. Nado en Pontevedra e considerado un precursor do Rexurdimento –eses autores que cando Rosalía publicou Cantares gallegos, en 1863, eles xa tiñan algunha obra publicada–, Pintos pertence á primeira xeración provincialista. Será a súa obra, A gaita gallega, publicada en 1853, a que sitúe o autor nun lugar importante dentro da literatura galega.

No ano 1975 dedicóuselle o Día das Letras Galegas e desde o 2005 o Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua convocan un premio co seu nome –Premio Xoán Manuel Pintos– ao compromiso coa lingua galega, para así recoñecer o labor de impulso do uso do galego e ao mesmo tempo manter viva a memoria do escritor.

Sinatura de Pintos

Sinatura de Pintos

Xoán Manuel Pintos, que viviu na Coruña entre 1822 e 1825 –onde estudou Humanidades no Convento de San Domingos–, deixounos todo un manual dos costumes e da lingua de Galiza na súa obra, A gaita gallega. É unha obra de temática moi variada cuxa unidade reside nos seus dous personaxes principais: Cristus, gaiteiro que explicará as cuestión referentes á lingua e os costumes e Pedro Luces, tamborileiro non galego destinatario das explicación de Cristus. Como diciamos, a obra é un manual de galego, pero tamén se fai nela unha defensa da nosa lingua. Considerado o primeiro libro da literatura galega contemporánea, o primeiro impreso, A gaita gallega contén un poema que denota claramente o posicionamento de Xoán Manuel Pintos respecto da defensa de Galiza:

Ou Galicia, Galicia, boi de palla,
Canta lástima ten de ti ten o gaiteiro!
O aguillón que che meten é de aceiro
E con el moita forza te asoballa.

 

No lombo teu zorrega, bate e malla
Fasta o máis monicreque ferrancheiro,
E calesquer podenco forasteiro
Te abafa, de vergonza sin migalla!

 

Agarima alleeira eses ingratos
Ou víboras que postas o teu peito
Co ferrete che rompen mil buratos!

 

Se o sangue teu refugas do teu leito
Malas novas, madrasta de insensatos,
Dos fillos teus ao amor non tes dereito.

Se Eduardo Pondal escribía “esperta do teu sono/Fogar de Breogán”, Pintos compara a Galiza cun “boi de palla”. A fortaleza do boi (Galiza) queda ridiculizada polo feito de ser de “palla”. E, é de palla pola indiferenza con que reacciona ante os que a maltratan, ante os que lle meten un “aguillón de aceiro”. Galiza trata mellor os que veñen de fóra e a “asoballan” que os seus propios fillos. Tanto, que o poema remata dicindo que non ten “dereito” ao amor dos seus fillos, de continuar nesa postura de indiferenza. Como vemos, antes de que publicase Rosalía e os autores do Rexurdimento, xa estaba o precursor Xoán Manuel Pintos advertíndonos contra ese autoodio ao que somos tan dados os galegos e galegas. A ver se dunha vez lle facemos caso ao autor de Pontevedra e deixamos de ser uns “bois de palla”.

4 Comments

  1. alvarez 23 Marzo, 2020 Responder
    • AC Alexandre Bóveda 23 Marzo, 2020 Responder
  2. Tania 21 Marzo, 2020 Responder
    • AC Alexandre Bóveda 21 Marzo, 2020 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies