Xornalismo galego e feminista

Xoán Costa e María ObelleiroDentro do ciclo Pensando o futuro, tivemos a oportunidade de escoitar –na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda– a palestra Os retos do xornalismo en chave galega e feminista. A encargada de impartila era María Obelleiro, directora de Nós Diario.

Presentada por Xoán Costa –presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A.–, María Obelleiro foi analizando os oito retos do xornalismo en clave galega e feminista.

Xornalismo galego e feministaUn deses retos –motivo polo que se creou Nós Diario– é a necesidade dunha axenda galega, unha axenda propia. Nun panorama onde temos sobredimensionado o que vén de Madrid, precisamos medios que creen e traten temáticas de intereses galegos. Hai unha serie de temas que os medios non soen tocar: o feminismo, a nosa historia, o mundo do traballo ou o  ecoloxismo. De aí a importancia de ter unha axenda propia.

Xornalismo galego e feministaOutro dos retos dos que falou a directora de Nós Diario foi a necesidade de aplicar a perspectiva de xénero de maneira transversal. Hai que mudar a representación das mulleres. Os medios reproducen a representación asimétrica entre homes e mulleres. Así, os homes predominan nos apartados de economía e na política, mentres que as mulleres aparecen nos de sociedade, cultura, coidados ou expoñendo o corpo en publicidade. É preciso buscar fontes expertas que non sexan só homes para non seguir alimentando o patriarcado.

Xornalismo galego e feministaAlfabetizar nos medios e na información sería outro dos retos. Temos que aprender a ser críticos coas imaxes e coa información. Neste sentido, o ensino ten un importante papel: contribuír a avaliar de maneira crítica os medios de información, dado que calidade da información condiciona a nosa vida.

Chamou María Obelleiro a superar a ditadura da actualidade, fenómeno que produce un xornalismo de consumo rápido. Igualmente, salientou a necesidade de superar a cultura da gratuidade. Un xornalismo independente custa cartos. Precisamos facer un labor pedagóxico e destapar quen paga a información. É difícil facer xornalismo libre e non ceder ás presións.

María Obelleiro e Xoán CostaA directora de Nós Diario sinalou que a Xunta de Galiza exclúe das axudas o xornalismo crítico. Deste xeito, Nós Diario, a pesar de cumprir os criterios das convocatorias, vese discriminado polo Executivo galego. Pola contra, outros medios que incumpren a toponimia, a cuestión de xénero e que inclúen anuncios por palabras sobre prostitución, si reciben as subvencións da Xunta. Sinalou María Obelleiro a falta de pluralidade: hai moitos medios de comunicación, mais están en poucas mans.

É preciso prestixiar o idioma galego. Os escasos medios impresos en galego representan para a directora de Nós Diario unha “anormalidade”.


O ciclo PENSANDO O FUTURO complétase con outras cinco palestras:

24 de outubro ás 19:30h:  O futuro. Un mundo feliz? con Antonio Brea, historiador e divulgador.

7 de novembro ás 19:30h: Saúde mental e autocoidado nas mulleres con Iria Veiga, médica psiquiatra.

14 de novembro ás 19:30h:  O sorbedoiro madrileño no horizonte de Galiza con Óscar Pazos, ensaísta e xeólogo

12 de decembro ás 19:30h:  Impacto da intelixencia artificial nas nosas vidas: pasado, presente e futuro con Hugo López Fernández, investigador da Universidade de Vigo

19 de decembro ás 19:30h:  Desposuimento e cultura galega contemporánea: cara unha crítica do marco da «España vacía» con Helena Miguélez–Carballeira, catedrática Universidade de Bangor.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies