Para as mozas e para os que peitean cabelos brancos, para os ágrafos e para as intelectuais, para as poetas e para os prosistas, para as carnívoras e para os veganos, para as que tecen e para os que destecen, para as inapetentes e para os comellóns etc, etc, etc, etc…, abrimos as portas a quen queira traballar connosco, porque somos xente de acción, en renovación permanente.

A ASOCIACIÓN CULTURAL ALEXANDRE BÓVEDA (ACAB), fundada no ano 1976, ten como obxectivos prioritarios a promoción e defensa da lingua e da cultura galegas, ben como a divulgación da figura e do pensamento do ilustre nacionalista que dá nome á entidade.

QUE FACEMOS?

Son de salientar as variadas actividades culturais, desenvolvidas quer en solitario quer en colaboración con outras entidades (AELG, AS-PG, AV Agra do Orzán, AV dos Castros, UdC, CUAC fm, etc.), en que destacan a celebración anual do Memorial de Teatro Amador “Ibán Toxeiro”. Igualmente, levamos a cabo un intenso traballo sociocultural que asenta na proxección da lingua, literatura e cultura galegas, no obradoiro de teatro, no obradoiro de xadrez, na defensa dos dereitos das mulleres, na publicación dos números da “Biblioteca Alexandre Bóveda”, nas exposicións na colaboración con diversos colectivos etc. E, ao mesmo tempo, realizamos un constante traballo de investigación con temas como o nacemento e a repercusión das Irmandades da Fala, a recuperación e divulgación do patrimonio toponímico galego, a interacción da lingua cos avanzos tecnolóxicos etc.

ONDE ESTAMOS?

Temos local no centro da Coruña, na rúa Santo André, 36, 1º andar, no edificio do Circo de Artesáns. Tamén nos podes atopar aquí:

https://twitter.com/ACBoveda
https://www.facebook.com/a.c.alexandre.boveda
https://www.instagram.com/acalexandreboveda/
https://www.youtube.com/@a.c.alexandreboveda2176


981 200 869