Día das Artes Galegas 2024

Francisco AsoreyO 1 de abril de 1188 foron colocados os linteis do Pórtico da Gloria polo Mestre Mateo.  Levaba, o Mestre Mateo, traballando na obra vinte e oito anos, pois o rei Fernando II contratárao de por vida en 1168 cun soldo de cen marabedís anuais. Aínda faltaba algún tempo para que o Pórtico estivese rematado, pero o principal estaba feito e orgulloso da súa obra amais da data e para que non houbese dúbidas sobre a autoría, esculpiu:

“No ano da Encarnación do 1188, da era 1126, no día nas calendas de abril, os linteis dos pórticos principais da Igrexa de Santiago foron asentados polo Mestre Mateo, que executou as obras dende os seus fundamentos”. E así consta, labrado, baixo os linteis do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.

O Pórtico da Gloria está formado por un conxunto de tres arcos, esculpido polo Mestre Mateo en só 20 anos, cun simbolismo que explica o pecado orixinal, a redención e xuízo final. Máis de 200 figuras de granito que forman unha mensaxe teolóxica centrada na salvación da humanidade. A obra orixinal estaba policromada, como era habitual na imaxinería relixiosa do románico, pintada de branco, negro, vermello, azul e dourado de pan de ouro.

A Real Academia Galega de Belas Artes escolleu esa data do 1 de abril para homenaxear as artistas galegas/galegos en memoria desa efeméride co nome de Día das Artes Galegas. O primeiro ano, no 2015, dedicado ao Mestre Mateo; 2016 a Castelao; 2017 a Maruxa Mallo; 2018 a Alejandro de la Sota; 2019 a Luís Seoane; no 2020 e 2021 dedicado ao arquitecto Domingo de Andrade; no 2022  a Xosé Otero Abeledo, Laxeiro; no 2023 a Martín Codax e neste ano 2024 a Francisco Asorey.

Nado en Cambados en 1889 e falecido en Santiago de Compostela en 1961, Francisco Asorey González é considerado como unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica do século XX.

Monumento a Curros EnríquezAsorey combinou a temática relixiosa coa popular. A espectacularidade do monumento a Curros Enríquez nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña ou o monumento a San Francisco fronte ao convento compostelán, compleméntanse con esculturas emblemáticas como son “Naiciña” ou “Santa”. As obras de Asorey presiden prazas, rúas e museos de toda Galiza, como o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo Provincial de Lugo.

O monumento a Curros Enríquez situado nos Xardíns de Méndez Núñez, foi inaugurado en xullo de 1934. Está formado por grandes bloques de granito que semellan a quilla dun barco, no centro aparece a figura de Curros cunha lira e un libro nas mans. Na parte superior, unha muller espida cos brazos ergueitos representa a Galiza.

Francisco Asorey está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies