24

Xan

Presentación de “Antoloxía das Confidencias de Picadillo”

20.00 h

confidencias de picadilloO xoves 24 de xaneiro, ás 20 h, Xabier Maceiras presenta no noso local social o seu novo libro Antoloxía das Confidencias de Picadillo. Nel recompila os artigos non gastronómicos de Manuel María Puga y Parga, que foi alcalde da Coruña.

Neste libro rescata o Picadillo máis descoñecido, o Picadillo xornalista que, desde a sección Confidencias, na que escribiu entre os anos 1902 e 1918 nos xornais El Noroeste e El Orzán, nos relatou algúns dos seus avatares cotiáns que lle aconteceron tanto na cidade da Coruña como no concello de Arteixo e noutros puntos da xeografía galega e española.

Anécdotas sobre o mundo da música, da moda, dos transportes da época, da súa vida familiar, dos seus animais domésticos, de viaxes como a realizada a finais de 1909 a Hamburgo para levar a cabo un réxime de adelgazamento, de romarías e dun sen fin de curiosidades máis, narradas todas elas con moito, moito humor, saen á luz nesta Antoloxía das Confidencias de Picadillo.

No acto participará, ademais do autor, Marga Fernández, directora artística do grupo de Teatro Melandrainas.

Xabier Maceiras é animador sociocultural, e leva desde os anos oitenta traballando a prol da recuperación e divulgación da memoria histórica do seu Arteixo natal e das Comarcas de Bergantiños e As Mariñas. Ten publicado O mar de Arteixo e os seus naufráxios, Crónicas de Arteixo e Contos mariños de Carballo.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies