28

Xuñ

Inauguración da exposición “A cidade da Coruña, wrapped”

19.00 h

Coruña wrappedO martes 28 de xuño, ás 19 horas, inauguramos no noso local da rúa Olmos, a exposición A cidade da Coruña, wrapped, de Violeta Chouciño Veiga.

Son unha serie de fotografías, feitas en agosto de 2021, e que representan un lixeiro guiño aos artistas Christo e Jean-Claude, pois céntrase nas numerosas fachadas que algunha vez foron cubertas de andamios para non volver ver a luz. Os edificios envoltos (wrapped) convertíronse nunha parte tan normalizada da cidade que para poder ser consciente da súa presencia e retratalos, Violeta tivo que facer un esforzo extra.

As imaxes retratan a plasticidade e materialidade das teas, con especial atención ás cores e texturas, que fan esquecer a decadencia que caracteriza a estampa por momentos ao achegarse na súa forma a unha instalación artística.

“Por que está a cidade vestida con farrapos?

 

Intriga e desacouga. Estas vestiduras son circunstanciais ou permanentes?
De todo haberá mais ben sabemos que é ben difícil distinguir unhas doutras.
E se saímos hoxe pola cidade, xa non estarán? Ou haberá outras novas das que tampouco saberemos acertar se serán para quedar ou só pasaxeiras?

 

Porque a xénese dos obxectos das imaxes forma parte do itinerario, dos modos, de como o valor dos inmobles non vén da utilidade que aportan.”

 

Tono Chouciño

Violeta Chouciño Veiga (1999) é artista multidisciplinar con base en Amberes. A fotografia é a súa ferramenta principal, mentres que as cuestións sociais e políticas son o suxeito do seu traballo. Temas como a memoria, a decadencia ou as diferencias culturais predominan nos seus proxectos.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies