02

Xuñ

García de Galiza, o fillo da traizón

19.00 h

García de Galiza, o fillo da traizónO venres, 2 de xuño, ás 19 horas, presentaremos a curtametraxe documental producida por Demo e que completa o produto transmedia O reiciño de Galiza, premiado en 2022 nos Premios Reino de Galiza da Deputación da Coruña. O proxecto conta cunha banda deseñada, unha unidade didáctica e a peza audioviusal. Unha experiencia completa que abrangue desde o aspecto de entretemento e divulgativo ata o didáctico.

A peza central do proxecto é a banda deseñada dos autores Inacio e Iván Suárez que adapta de xeito libre a obra Le petit roi de Galice, do clásico da literatura universal Victor Hugo, unha epopea contida dentro da súa magna obra La légende des siécles e que foi descuberta e traducida ao galego hai décadas polo escritor Henrique Harguindey.

A curtametraxe pescuda en como o romántico francés reinterpreta o tema da traizón sufrida por García II de Galiza, O documental, dirixido por Manel Cráneo, analiza o interese de Victor Hugo neste rei galego e procura puntos de conexión coa realidade histórica. Unha reflexión sobre as antigas monarquías que nos amosa que Galiza tamén tivo o seu propio “xogo de tronos” máis alá da máis suxestiva ficción. A traizón é o elemento da conduta humana sobre o que xira tamén a trama desta peza audiovisual de 27 minutos de duración

O documental intenta deitar algo de luz sobre a usurpación do poder e do reino de Galiza ao rei García II e descubrirnos un capítulo da historia de Galiza que durante anos se mantivo soterrado para o gran público. Para isto válese de materiais de arquivo, animacións e grafismos e as intervencións de expertos en diversas materias históricas e literarias, como o propio Henrique Harguindey, o historiador Xosé Alfeirán, o arqueólogo Antón Malde, o dramaturgo e guionista Inacio Vilariño, o debuxante Iván Suárez e o critico e investigador da banda deseñada Breixo Harguindey.

Se queres asistir a esta proxección, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Erro: Formulario de contacto non atopado.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies