08

Feb

Ciclo Cinema Palestina Libre: Foco Jocelyne Saab

19.30 h

Fotograma dunha curta de Jocelyne SaabO xoves 8 de febreiro, ás 19.30 h, comezamos un ciclo de cinema para dar visibilidade ao conflito palestino. As dúas primeiras sesións, do xoves 8 de febreiro e a de marzo serán dedicadas á directora Jocelyne Saab.

Nacida en Beirut en 1948, Jocelyne Saab empezou a traballar a comezos dos 70 como xornalista e reporteira de guerra e axiña iniciou unha espléndida carreira como directora, principalmente no ámbito do documental aínda que tamén realizou algunhas ficcións. Como muller politicamente comprometida prestou atención á causa palestina e o seu impacto directo no seu país, O Líbano, ao longo de diversas curtametraxes que veremos na A. C. Alexandre Bóveda en dúas sesións monográficas nos meses de febreiro e marzo coa colaboración da Association Jocelyne Saab, entidade sen ánimo de lucro comprometida coa preservación e posta en valor do legado fílmico e artístico da cineasta, falecida en París en 2019.

Nesta sesión proxectaremos as seguintes curtas (en versión orixinal con subtítulos en galego):

  • As mulleres palestinas (1974). 11 min. Jocelyne Saab dálle voz ás mulleres palestinas, vítimas moitas veces esquecidas do conflito. Retratos das mulleres palestinas en tarefas políticas, militares, intelectuais e de coidado.
  • A fronte do Rexeitamento (1975). 16 min. Jocelyne Saab filma mozos de entre dezaseis e vinte e dous anos que adestran incansabelmente, nunha base secreta, para converterse en comandos suicidas.
  • O barco do exilio (1982). 16 min. Despois de vivir agochado en Beirut para escapar dos israelís, o líder da OLP, Yasser Arafat, abandonou o Líbano para un novo exilio en Grecia e despois en Tunes a bordo do buque “Atlantis”.
  • Os libaneses: reféns da súa cidade (1982). 8,5 min. Reportaxe de guerra da cidade de Beirut logo dos bombardeos israelís. Contén imaxes que poden ferir a sensibilidade.

Con estas actividades damos comezo a un ciclo con outras actividades que podedes ver descargando o díptico coa programación completa.

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies