O mércores 15 de marzo, ás 19.30 h, presentamos no noso local Manar, de Lino Braxe.
O libro que presentamos quere render homenaxe ao dramaturgo Lino Braxe recuperando para a súa edición e representación o monólogo dramático Manar, sonoro nome dunha muller árabe que nos invita a penetrar na súa situación de exilio nun campo de refuxiados onde a vida devén unha loita implacábel pola supervivencia.
Nesta presentación intervirán Alexandrina Fernández Otero, Sabela Hermida, Luma Gómez e Manuela Varela.
Lino Braxe (Mugardos, 1962 – A Coruña, 2020), posúe unha dilatada traxectoria como escritor, director, intérprete e escenógrafo, e ocupa xa un espazo único no teatro galego contemporáneo.
A súa obra dramática, en grande parte inédita, iniciase coa publicación de A promesa e outras pezas (1991), seguida de A actriz (1993), obras de teatro breve que denotan unha especial querenza do autor polo monólogo dramático, en cuxo molde se incúen Maggy (2013) e Romano (2015). En 2008 no volume Vidas do mar da colección de teatro breve O porto e as letras, publicase a súa obra María Pita e en 2012 ve a luz Inverno occidental formando parte do libro Banqueiros coordinado por Francisco Pillado Maior.
O universo teatral de Lino Braxe remite ao seu mundo poético evidenciando a interacción de poesía, teatro, vida e arte ineludibeis na súa desbordante personalidade creativa.
As persoas asistentes a esta presentación levarán de agasallo un exemplar da publicación.
Se tes interese en asistir, envíanos os teus datos a través deste formulario: