29

Abr

Revolución Galega de 1846. Homenaxe aos Mártires de Carral

11.30 h

Mártires de CarralVía Galega, a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza da que a AC Alexandre Bóveda, fai parte, convoca un acto conmemorativo da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral. Será o sábado 29 de abril ás 11:30h no Campo da feira de Carral.

O 26 de abril de 1846 son fusilados en Carral o coronel Solís e doce dos seus oficiais. O día 23 tivera lugar a batalla de Cacheiras entre as tropas españolas e as galegas de Solís, que foron derrotadas. A grande superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia e as tropas españolas entraron en Compostela a saqueo e pillaxe. Solís, que se refuxiara en San Martiño Pinario, entregouse aquela mesma tarde.

Tres días despois, un xuízo sumarísimo condenounos a morte e serían fusilados en Carral. Con este fusilamentos acaba a sublevación militar que comezara o 2 de abril, as demais consecuencias serán a represión, a tortura e o exilio en Portugal dunha morea de revolucionarios. Os Mártires de Carral son un referente de loita contra o centralismo.

No acto intervirá a escritora Marta Dacosta, autora do manifesto Memoria acesa. Podes descargar desde aquí este manifesto.

Facemos un chamamento a participar nesta homenaxe.

 

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies