O xoves 14 de setembro, ás 19.30 h, teremos connosco a Natasha Vázquez, que nos falará da migración Galiza-Cuba, unha viaxe de ida e volta.
Ao fenómeno histórico da emigración de Galicia cara a Cuba desde finais do século XIX e a primeira metade do XX, engádeselle no noso século XXI unha viaxe en sentido inverso: milleiros de cubanos, moitos de orixe galega, escollen Galicia para asentarse. En que se diferencian e que teñen en común estes migrantes? Estarémolo a debater a partir da proxección do documental Galegos, oficio de emigrantes (no que intervén Xosé Neira Vilas), que narra parte desta xesta a través dos múltiples oficios que asumiron os galegos en Cuba, desde ‘adegueiros’ ou afiadores, ata carboeiros e cazadores de crocodilos. Unha historia en espiral que se repite hoxe en Galicia e noutros lugares do mundo.
Natasha Vázquez é xornalista, realizadora e produtora audiovisual cubana, de ascendencia galega. Autora e produtora dunha decena de documentais multipremiados, relacionados con Galiza na súa maioría, entre eles Os últimos gaiteiros da Habana, que obtivo o Premio Iberoamericano de Xornalismo Rey de España, entre moitos outros galardóns. Polas súas obras recibiu a Medalla Castelao, conxuntamente con Ernesto Daranas e Rigoberto Senarega,. Foi ademais colaboradora de medios galegos durante décadas, en particular de La Voz de Galicia e Televisión de Galicia.
Se queres asistir a esta palestra, envíanos os teus datos a través deste formulario: