29

Xan

Exposición “O fotógrafo”

Até o 29 de xaneiro, no noso local na rúa Olmos, 16-18 da Coruña.

O FOTÓGRAFO é a miña homenaxe ao fotógrafo lugués e coruñés de adopción, Vicente Lombardía Bargos, o meu avó, máis tamén á miña avoa, a miña tía e nai.

 

Que este ollo de cristal, de tan frío, non chora, máis alimenta todo o que lle foi ficando dentro. Este herdo.

O fotógrafo

Fotografía orixinal de Vicente Lombardía

Cando en 1997 o fotógrafo Vicente Lombardía morre na súa casa da Coruña, pérdese unha enorme parte do seu traballo profesional. Anos antes, o seu estudo fotográfico da Rúa Rego de Auga tiña pechado por xubilación. El mesmo destruiu ou regalou gran parte da súa obra e materiais fotográficos.

Unha caixa de cartón descuberta pola familia, gardaba agochado un álbume cunhas cantas fotos persoais desordenadas. As máis delas eran da época na que aprendeu o oficio de fotógrafo, facendo o servizo militar no bando nacional cando a Guerra Civil Española. Sendo só un adolescente, aprendeu na guerra a disparar a súa cámara para retratar persoas, lugares e momentos.

Vinte anos máis tarde, esas poucas ducias de fotografías que ficaron silenciadas e sen historia, toman voz a partir dos poemas da súa neta, a poeta Emma Pedreira (Lombardía), que compila e trata de darlle unha historia de fondo á historia que quedou sen rematar.

En homenaxe ao seu avó e, á súa vez, a toda a súa familia, estes trece collages e oito poemas que conforman O FOTÓGRAFO como material expositivo arredor das fotografías de Lombardía, conforman un álbume familiar cifrado no que atoparse intimamente e unha exhibición da parte máis cruenta e silenciada da nosa historia.

“Todo o teu oficio foi reducirse a unhas cincuenta fotos dentro dunha caixa.
A nosa historia familiar está nos álbumes,
ordenadiña,
Aqueles sorrisos dos que aínda gardamos o nome.
As datas por detrás escritas con letra pausada”

 

“O fotógrafo, de neno, estreara os ollos atrás dun cristal,
daí a súa medida das cousas,
daí que atirase fotos e sentencias,
daí a súa imaxinación facendo de todo algo inmóbil e resistente ao tempo.

 

Como os ósos nas beiravías, como as balas entre os parietais”

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies