07

Xul

Presentación de “Alguén virá…”

19.00 h

Alguén viráO venres 7 de xullo, ás 19 horas presentaremos o libro Alguén virá… de Pablo García Martínez, editado por Laiovento.

Alguén virá… é unha mirada crítica ao pensamento do intelectual galego máis internacional do século XX, Luís Seoane (1910-1979). O marco temporal para estas cavilacións son os frenéticos anos cincuenta: o período de maior produción literaria de Seoane, mais tamén un tempo de reformulación das hexemonías culturais nun Atlántico norte co que le seguía vencellado, aínda dende a distancia do exilio. Eran anos nos que o triunfo da narrativa da “posguerra” despois da Segunda Guerra Mundial contrastada coa persistencia da guerra que expulsara da península milleiros de exiliados republicanos. Neste contexto -ineludible para entender o encontro cos intelectuais de Galaxia do período de 1956-4958-, Seoane afonda na percepción do desaloxo da historia ao que estaban forzados os exiliados unha conclusión pesimista que metaboliza, porén, a través da escritura literaria. Exemplo disto son o poemario As cicatrices (1959) e, sobre todo, a obra de teatro A soldadeira (1957).

Alguén virá… parte destes escritos para establecer un diálogo entre a filosofía da historia coa que o romántico Seoane se defende do momento de perigo que foron para el os anos cincuenta e os textos que escribira dúas décadas antes unha das voces de referencia do romanticismo revolucionario da Europa de entreguerras, o Walter Benjamin das Teses sobre a filosofía da historia. Pensar a Seoane dende o diálogo co fervedoiro que foi a Europa dos anos vinte e trinta, que el non deixou de revisitar ata a fin dos seus días, é facerlle xustiza ao pensamento que informa o seu plural legado cultural.

Pablo García Martínez (Arzúa, 1985) é investigador posdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela. Antes completou o seu doutoramento (Ph. D.) na City University of New York (CUNY, 2018), así como un posdoutoramento Humboldt, con residencia na Friedrich-Alexander-Universität (FAU, 2020-2021). Presentou a súa investigación en congresos, reunións de traballo ou conferencias por convite celebrados en Columbia University, Harvard University, Johns Hopkins University, Oxford University, University College Cork, Colegio de España (París) ou no Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Se queres asistir, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies