11

Abr

A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36

19.00 h

As que quedaron. A represión sobre as mulleres despois de xullo de 1936O 11 de abril, ás 19 horas, Montse Fajardo falaranos sobre As que quedaron: as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

A conferencia aborda a represión vivida en Galiza tras o golpe de Estado do 36 e nomeadamente, a sufrida polas mulleres nunha zona na que, é fundamental lembrar, non houbo “guerra” senón un brutal xenocidio sobre o bando perdedor: As persoas que morreron a consecuencia do golpe de Estado do 36 na Galiza non o fixeron nun campo de batalla, foron asasinadas.

O esquecemento sobre esas vítimas e as súas familias foi como a última morte dos derrotados, a última inxustiza á que non puxo fin corenta anos de democracia. Elas ficaron en silencio mentres o novo réxime democrático mantiña as mentiras elaboradas polo franquismo: As hemorraxias internas nas actas de defunción das persoas fusiladas, as teorías negacionistas que equiparaban ambos bandos, as placas honrando aos verdugos nas rúas mentres as vítimas permanecían silenciadas.

No caso das mulleres, o silencio foi aínda máis fondo. Incluso cando se traballa na memoria, se lle soe dar prioridade aos homes, porque foron máis no paredón, na cuneta ou no presidio. Sen embargo, as mulleres galegas non só se viron afectadas polos mesmos tipos de represión ca eles -foron asasinadas, encarceradas, depuradas ou sufriron o exilio- senón que, ademais, o fascismo ideou para elas castigos de índole especialmente machista como a rapa, a inxestión de aceite de rícino, a tatuaxe, ou a violación.

Elas foron ademais utilizadas polos fascistas como método de presión sobre os homes: encarcerábanas e vexábanas para obrigalas a delatar ao fuxido da familia ou para que, ao sabelo, el mesmo se entregara. Non só perseguían ás mulleres con actividade sindical ou política, o simple feito de ter parentesco cun home sinalado colocábaas tamén no punto de mira dos agresores.

A conferencia repasa as distintas tipoloxías de represión contra as mulleres, con exemplos e fotografías dalgunhas das galegas que a sufriron, e defende a necesidade de ampliar o termo vítimas, “ás que quedaron”: nais, orfas, viúvas, mulleres que ademais de ficar sen o ser querido perderon tamén o principal sustento do fogar. Falamos de como saíron adiante e de cales foron os seus xeitos resistentes de lembrar, nun tempo sen dereito a dó. De como se mantivo viva a memoria do que pasou no tempo do silencio e de como chega hoxe ata nós.

Por último, abordamos as consecuencias que para todo o sexo feminino tivo o golpe de Estado. Todas as mulleres foron vítimas, todas seguimos sendo vítimas dun momento histórico no que as liberdades que se empezaban a albiscar desapareceron baixo o abafante manto gris do fascismo, que relegou á muller ao papel de esposa e nai. O franquismo, a igrexa, a sección feminina buscaron implantar durante décadas unha moralidade sexista contra a que aínda teñen que loitar as xeracións actuais.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies