A antiga Gallaecia, unha verdadeira academia de linguas

Mapa GallaeciaCon moita frecuencia, as lendas enverédanse coas realidades históricas máis lonxincuas para daren conta da orixe das nacións ou para construíren símbolos identitarios dos pobos. Ás veces, os estudos desenvolvidos por especialistas en historia e en arqueoloxía contradín parcial ou totalmente as percepcións populares no tocante ao percurso histórico dos países. De calquera modo, non nos corresponde a nós opinarmos á volta do sentir máis común en determinados factos ou acontecementos de hai séculos nin sobre o rigoroso exame a que se someten vestixios doutras épocas para así nos informaren da veracidade histórica. Mesmo entre especialistas, por exemplo, tamén non existiu acordo unánime a respecto da relevancia que tiveron certos pobos no desenvolvemento da historia das nacións. Pensando na Galiza, un deles é a civilización celta: houbo persoas que lle negaron ou que lle restaron protagonismo histórico para o caso galego, como Adolf Schulten, que facía referencia en 1905 ao pobo lígur na prehistoria do norte da península ibérica na súa clásica obra Numantia. Die Ergebnisse der Ausgrabungen; en sentido contrario, outros destacados investigadores, cal Henri Hubert en Les Celtes et la civilisation celtique (1932/1974), ou John Haywood & Barry Cunliffe en The Historical Atlas of the Celtic Word (2001/2009), identifican a actual Galiza como un territorio habitado polos pobos célticos ou fortemente influenciado por estes. Mesmo na cimeira da relevancia exaxerada do mundo celta no desenvolvemento da historia galega, non falta quen diga que a gaita é un instrumento desa mítica procedencia, isto é, un aerofone xurdido na eclosión da polifonía medieval, despois do renacemento carolinxio do século IX, tería, na realidade, unha orixe de máis de mil anos antes da nosa era (adne.)…

Precisamente, sobre esta parte da Europa denominada Kallaikia polos cronistas gregos a partir dunha base probabelmente indoeuropea *kal–, nome que posteriormente sería adaptado como Callaecia ou Gallaecia polos autores romanos e que foi a orixe do actual nome do país, Galiza, queremos pór por escrito algunhas cuestións que ás veces comentamos con colegas ou nas salas do ensino. Eses asuntos céntranse no estado lingüístico do noroeste peninsular antes e despois da chegada dos conquistadores e colonos romanos e na efervescencia de linguas e de variedades que quizais se empregasen aquí nos primeiros séculos da chegada de Roma. O respectábel público convirá connosco en que se trata dun tema tan apaixonante como incerto e cheo de interrogantes pola escaseza de testemuños documentais.

Así as cousas, após as primeiras expedicións romanas no século II adne. no que hoxe enforma o norte de Portugal, entre as cales destaca a de Décimo Xunio Bruto contra os anos 139–137, os romanos identifican e combaten a tribo dos gallaeci ou callaeci nalgún lugar entre o Douro e Braga. Tal fito serviulles, dada a afinidade dos pobos que habitaban esas xeografías no que é denominado “espazo étnico galaico” por Martín Fernández Calo (Estado, poder e estruturas na Gallaecia, 2018), para denominaren toda esa rexión como Gallaecia, abranxendo desde o Douro até ao Ortegal e desde Fisterra até máis alá da actual cidade de León. Nos primeiros momentos, antes de lle descubriren o seu potencial en metais preciosos, a Gallaecia correspondía para os romanos a unha das terras máis afastadas da metrópole, onde o sol morría todos os días no medio do oceano, algo nunca visto polos conquistadores vindos do leste. Estaba habitada por diferentes pobos que foron capaces, con todo, de daren forma á cultura dos castros, e foi parcialmente descrita por autores como Estrabón (c. 60 adne.–20 dne.), Plinio o Vello (23–80 dne.) etc., como ben nos lembra Antonio Balboa Salgado en Gallaecia nas fontes clásicas (1993). Era costume entre os comandantes romanos a adopción como alcume do xentílico das nacións con que loitaban e, por iso, Décimo Xunio Bruto pasou a ser coñecido como gallaecus ou galaico, ‘o que combateu os gallaeci’, dos cales, non sen certo exaxero, transcendeu a idea de 50.000 guerreiros morreren na famosa batalla do Douro.

Podes ler este artigo completo en Terra e Tempo, dixital galego de pensamento nacionalista.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies