Centenario. 1923-2023

Contra a desmemoria e o esquecemento, sabedoría e cultura. Saber da nosa historia e da nosa xeografía; da nosa literatura e da nosa música; saber de nós e do noso. Facer memoria para saber máis do pasado, saber que antes ca nós xa houbo xente loitando polos mesmas arelas que hoxe nos moven.

Sepultura de MurguíaNo 2023 temos varios centenarios que festexar. Contámosvos aquí, moi brevemente, algo deles:

O 2 de febreiro de 1923 morre na Coruña Manuel Murguía, denominado o construtor da Nación. Como deixou escrito o seu biógrafo Xosé Ramón Barreiro, “a súa obra como historiador e escritor está dedicada enteiramente á idea de Galicia como nación”.

Escolas de ensino galegoTamén neste 2023 festexaremos o centenario das Escolas de Ensiño Galego, a iniciativa galeguizadora pioneira das Irmandades da Fala que nacía no verán de 1923, na Praza de María Pita da man de Ánxel Casal e María Miramontes. Hai cen anos, escribían isto n’A Nosa Terra: “Non ll–abonda a Galicia qu–os seus fillos seipan lêr i–escribir. Galicia percisa qu–os seus fillos lean i–escriban n–a sua Fala para qu–a sintan; qu–estuden n–a sua Xeografía para qu–a coñezan, e coñecéndoa quéiran–a.

GaleuzcaLembraremos tamén o centenario do primeiro pacto Galeuzca. Denominado naquela altura Tripla Alianza (o certo é que o acrónimo Galeuzca ou Galeusca non comezará a ser usado até 1924) foi selada o 11 de setembro de 1923 en Barcelona, por nacionalistas galegos, vascos e cataláns. Este pacto apostaba pola unión e o traballo conxunto das tres nacións para conseguir o autogoberno e o recoñecemento internacional Galiza, Catalunya e Euskadi.

Seminario de Estudos GalegosE outro dos centenarios que celebraremos é o do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha empresa científica xigantesca, que integraría a grande parte da intelectualidade galeguista, e iniciaría estudos en campos en que había moi pouco investigado até ese momento, como o da matemática, a química, a astronomía ou a economía. O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS acabaría, de xeito dramático, co golpe de estado fascista de xullo de 1936.

AlfarTamén celebraremos o centenario do nacemento na Coruña da revista Alfar, unha das experiencias editoriais máis insólitas e innovadoras dos anos vinte. Alfar, foi en palabras de Manuel Rivas, berce de vangardas e síntese de galeguismo e universalismo. Acollía publicacións de Antón Vilar Ponte e Antonio Machado, de Borges e de Luís Huici; de Xoán Vicente Viqueira e de Juan Ramón Jiménez. Nas súas páxinas podíase gozar dos debuxos de Álvaro Cebreiro, de Dalí, de Picasso ou de Castelao.

Anotamos eses cinco centenarios mais poderiamos seguir, xa que en 1923 foi nomeado, logo do pasamento de Murguía, presidente da RAG un dos editores fundamentais para o libro galego, Andrés Martínez Salazar, finado na Coruña o 6 de outubro dese mesmo ano.

Tamén naquel 1923 estréase a 1ª zarzuela galega Entre o deber e o querer de Galo Salinas. Foi no Teatro Rosalía de Castro o 25 de setembro.

E naceron en 1923 persoas fundamentais para a cultura deste país:

  • Olga Gallego, arquiveira, docente e historiadora.
  • Antía Cal, pedagoga, fundou na década dos 60, en Vigo, a Escola Rosalía de Castro.
  • Xavier Costa Clavell, escritor e xornalista.
  • Manuel Ferrol, fotógrafo e reporteiro. Autor de fotos icónicas da emigración galega.
  • Carlos Oroza, poeta
  • Antonio Tenreiro, pintor e arquitecto.
  • Salvador Caballero Urceira, gaiteiro e mestre de gaiteiros.
  • Guillermo Álvarez Vázquez, o Crego, un dos primeiros artesáns en recuperar a zanfona na década dos 70.

E si, é verdade, non todo vai ser cultura, o fútbol tamén existe: en 1923 fundouse o Celta tras a fusión do Vigo e do Fortuna.

Se queredes ter unha efeméride para cada día do ano, podedes descargar o documento en PDF.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies