O Tío Marcos d’a Portela: un dos primeiros xornais en galego

Placa en OurenseContar con medios de comunicación na nosa lingua é fundamental para a normalización lingüística e cultural de Galiza. Ese foi e segue a ser un obxectivo aínda pendente por cumprir. Ata finais do século XIX, o uso do galego na prensa era practicamente anecdótico: algunha colaboración literaria –sobre todo, poéticas–, algunha sección de carácter satírico –para expresar opinións do pobo máis humilde– ou pasatempos de ton folclórico. Será en 1876 cando apareza un dos primeiros (realmente, parece ser que o primeiro foi O Vello do Pico-Sagro, que viu a luz o día 3 de marzo de 1860) xornais monolingües en galego, O Tío Marcos d’a Portela, editado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal. A este xornal dedicamos, a continuación, unhas breves liñas de homenaxe.

O Tío Marcos d’a Portela

Como diciamos, Valentín Lamas Carvajal puxo en marcha –creou e dirixiu–, en Ourense, o día 7 de febreiro de 1876, o primeiro número do que será un dos primeiros xornais monolingües en galego: O Tío Marcos d’A Portela, co subtítulo de “Parrafeos c’o pobo gallego”.

O nome do xornal parece ser que está inspirado nunha figura histórica: un tal Marcos Peralta, que viviu pola zona de Monteporreiro (Pontevedra) durante as primeiras décadas do século XVIII, e que xa Sarmiento falou del nas súas coplas.

Aínda que o xornal nacía cunha periodicidade quincenal, xa aos dous primeiros meses pasou a publicarse semanalmente. O Tío Marcos d’A Portela mantívose ata o ano 1888, cando foi impresa, en Lugo, a última edición. Foi a cabeceira máis duradeira da primeira etapa da prensa en galego: saíron do prelo arredor de cincocentos números (Parrafeos). Con relación á extensión, nun primeiro momento, o xornal tiña catro páxinas para máis tarde pasar a oito. É de salientar o feito de que o xornal acadase un notable éxito –chegando a editar 4000 exemplares– nunha Galiza con máis da metade da poboación analfabeta.

O tío Marcos d'a PortelaCon relación aos colaboradores –ás firmas–, temos que sinalar que unha grande parte dos artigos do xornal son escritos polo propio Lamas Carvajal, empregando diferentes pseudónimos. Pero, hai tamén artigos doutros colaboradores.

No tocante ao contido, os temas que aparecen no Tío Marcos d’A Portela son os habituais da prensa do momento, aínda que predominan os relacionados coa literatura culta e popular: hai poemas, contos, refráns e cántigas… Pódese afirmar que nas súas páxinas hai textos dos principais autores do Rexurdimento. Con todo, tamén contén noticias de actualidade local, galega e española. Do mesmo modo, tamén atopamos comentarios políticos, expresados, moitas veces, en forma dialogada (parrafeos). O Tío Marcos d’A Portela tiña un carácter reivindicativo e sempre manifestou uns obxectivos ben definidos: defensa dos labregos, defensa do idioma galego e defensa de Galiza. Habituais son as críticas contra o caciquismo, a emigración e os abusos do poder.

Tras a morte de Rosalía de Castro, será no Tío Marcos onde se lle faga unha sentida homenaxe á autora. O parrafeo 88 (26-7-1885) contén textos de Rosalía ou sobre ela, homenaxeándoa. Tamén, na primeira páxina dese número aparece unha esquela de Rosalía, que parece ser a primeira esquela en galego coñecida.

Primeiro anuncio en galegoSerá, igualmente, no Tío Marcos d’A Portela onde encontremos os primeiros anuncios en galego, xa desde os primeiros parrafeos. Mesmo chegou a existir unha sección de “Anuncios”.

Case século e medio despois de que botase a andar o primeiro xornal enteiramente en galego, seguimos necesitando para normalizármonos lingüística e culturalmente medios de comunicación monolingües na nosa lingua. De aí que, en 2018, se escollese o día 7 de febreiro coma Día dos Medios de Comunicación en Galego, coincidindo co aniversario do Tío Marcos. Porque os obxectivos de normalización seguen sen cumprirse.

Para saber máis: O xornalismo de Lamas Carvajal, por Xosé Ramón Pousa, no Sermos Galiza.

Falabamos da primeira esquela coñecida en galego, a de Rosalía, no Tío Marcos d’A Portela. Hai xa anos que Celso Emilio Ferreiro escribía unha “nota necrolóxica” dedicada a un vello “can de palleiro”. Nela dise que “o lume que alampea, xamais o veredes morto”. Esperemos que así sexa. Canta, Luís Emilio Batallán:

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies