Paseo literario polos xardíns de Méndez Núñez

Temos a seguranza de que a Coruña é unha cidade literaria e para afianzar esa idea, só é preciso dar un paseo polos xardíns de Méndez Núñez, como fixemos na mañá do 20 de maio.

Comezamos na parte traseira do Teatro Rosalía de Castro onde nos dá a benvida a historiadora Carmela Galego que nos fala da estadía da nosa poeta nacional na cidade e dos Teatros, infraestruturas fundamentais para a cultura. Ana Ribet e Malena Tenreiro, do grupo de teatro ACAB, recitan Miña Santiña, miña Santasa.

Alberte de Maceda tocando a gaita, e unha parella de mozos da Asociación Cultural Donaire, Natalia Ríos e Mario Lage, bailan un par de pezas, anímannos a iniciar o percorrido.

De camiño á estatua de Curros Enríquez e ao longo de todo o Roteiro, será o gaiteiro Raúl Galego o encarregado de pór a música.

Diante da estatua de Curros

María Xosé Bravo, presidenta da ACAB, diante do grupo escultórico deseñado por Francisco Asorey, explicará a simboloxía da escultura e fará fincapé no “idilio” entre Curros e a cidade, na que foi coroado poeta e a cuxo enterro asistiron unhas corenta mil persoas.

A música, neste caso correrá a cargo de Juanma Varela e a poeta e cantante Estíbaliz Espinosa alzará a súa voz para entoar a Cántiga, un dos poemas máis coñecidos do poeta cívico.

A continuación, diante do monólito adicado ao escritor e xornalista Wenceslao Fernández Flórez, tomará a palabra Alicia Longueira Moris, directora xerente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez e estudosa do escritor, que nos fará unha semblanza do mesmo.

A seguinte parada é diante do busto que realizou Ramón Conde para lembrar a figura de Ramón María del Valle Inclán. Para nos falar do novelista, poeta e dramaturgo toma a palabra a tamén escritora Beatriz Maceda, vicepresidenta da AELGA, que nunha das súas novelas converte Valle Inclán en personaxe literaria.

Encamiñámonos cara ao Paseo dos Coches, para admirar a escultura sedente de dona Emilia Pardo Bazán, inaugurada sendo alcalde Manuel Casás, en 1916. Será Xulia Santiso, a directora da Casa Museo da escritora quen nos lembre os problemas de protocolo na inauguración, estando aínda viva a condesa, así como pon o foco na importancia da súa obra.

Situámonos agora, diante do estanque, para contemplar o espléndido conxunto escultórico, en honor a dona Concepción Arenal. É obra do arquitecto coruñés Rafael González do Villar e mostra unha representación simbólica, na que a intelixencia vence a incultura. Será a filósofa e ensaísta, África López Souto, quen nos falará do labor desempeñado pola Visitadora de Cárceres de mulleres e do significado do seu traballo.

A seguir, dirixímonos ao busto de Daniel Rodríguez Castelao, inaugurado en 1986 por iniciativa da Corporación Municipal, realizado polo escultor coruñés Manuel Ferreiro Badía. Para facer a semblanza do artista, escritor e político de Rianxo toma a palabra Manuel Rei Romeu, profesor e estudoso da obra literaria e política desta figura icónica da nosa cultura. Aquí volvemos contar con Estíbaliz Espinosa e Juanma Varela, que nos ofrecerán unha versión de Lela, peza composta por Castelao para a súa obra dramática Os vellos non deben namorarse.

Preto do reloxo floral, está a escultura que lembra a Manuel Murguía, o “construtor da nación”, inaugurada en 1933, dez anos despois da súa morte. O encargado de nos falar del será outro arteixán, o profesor e escritor Henrique Rabuñal, estudoso da figura do primeiro presidente da Real Academia Galega.

A poucos pasos, atopamos o busto dedicado a Juan Fernández Latorre, político e editor. Fundador do xornal La Voz de Galicia e editor da Biblioteca Gallega. Será o profesor Henrique Rabuñal o que nos faga reparar no papel fundamental da prensa na época.

Para rematar, facemos parada diante do monumento dedicado ao noso Bardo, Eduardo Pondal. Trátase dun busto de mármore, rodeado de piñeiros, inaugurado en 1925. O biógrafo e editor da obra do poeta, Manuel Ferreiro, catedrático da UDC, afondará na relación do poeta bergantiñán coa cidade da Coruña, na que viviu e está enterrado.

E como a música nos acompañou ao longo de todo o percorrido, rematamos cantando, todos, o noso himno.

Se queres coñecer o noso proxecto podes visitar a web A Coruña Literaria. E se queres coñecer este percorrido que fixemos, tamén podes visitar o roteiro A literatura nos xardíns.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies