Un poema para agosto (XIV): Miro Villar

O escritor e profesor Miro Villar (Cee, 1965) inclúe no seu primeiro libro, Ausencias pretéritas (1992), un poema que sitúa na Coruña. A voz poética recoñece que amenceu na Coruña e, ao final do poema, pídelle ao “cristal da cidade” que “difunda a xolda nosa”.

Cos zapatos lustrosos amencín na Coruña,

e os ollos confundidos polas luces da albada

coidaron que te viran nos xardíns recostada

nunha varanda, soño parvo como eu supuña.

 

O recordo entrou louco no corazón, con cuña

que un culto nigromante chama gume de espada,

do sangue desprendido naquela rabuñada

teño tres enfermeiras que están de testemuña.

 

Pero o meu pensamento non ficou retorcido

nin ando pola vida no papel de tartufo

facendo finximento da paixón amorosa,

 

nin sequera contigo fun de talante rufo,

de veras que arestora síntome compunxido,

que o cristal da cidade difunda a xolda nosa.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies