Un poema para agosto (XII): Xosé Vázquez Pintor

Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946) reflicte nun poema a primeira vez que viu o mar, na Praia do Orzán –na Coruña–, da man de seu pai. Na escola franquista predominaba o estudo memorístico de ríos, mares, montes, capitais, reis… De aí, que a primeira vez que se vía realmente o mar era sempre un recordo inesquecible.

Lembro a primeira vez que ollei o mar sen as follas

de tantas páxinas que había que saber sempre

nas mañás de outono cando chove ou venta en serio

e un don el mandábanos saír de viaxe triste

 

para navegar os centímetros de palabras

no mapamundi, a bordo da variña de bido:

escarregat categat e sun gran bel pequeno

bel e ao norde oghost e mar de kara, de barents…

 

E o Mar do Orzán pelexaba en xogo cos tranvías

de Rubine: chaf, rompendo as bocas dos rapaces

da aldea para os retratos da época sen guerra

que era toda azul e arrecendente a latas, bombos

 

de sardiñas, leite de muiño, queixo de goma,

que nos daban abasto despois que o douro nace

nos picos de urbión na provincia de soria e pasa…

ata chegar ao atlántico… ¿e non rebenta o mar

 

con tanta auga? –pensabamos todos en silencio.

O Mar do Orzán andaba louco, botaba fóra

e eu gardábame na mau do pai, que estaba forte

e quente coma a terra no tempo das seituras.

 

Houbo risas dos rapaces, xurro contra os vidros…

e o pai díxome: verás en xullo, cando veñan

as xentes que poden gastar praia, nunca nós.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies