Setembro: tempo de escola

Tras o descanso do verán, a volta á normalidade viña marcada –ata este ano– polo inicio da escola e a volta ás aulas. Como sabemos –estámolo vendo e padecendo–, nin a normalidade é a que era nin a volta á escola tampouco. Espéranos un outono distinto.

Xardíns

Foi mudando a escola desde a antigüidade ata os nosos días. A do cadro é A Escola de Atenas, unha das pinturas máis destacadas de Rafael Sanzio. Pintada entre 1510 e 1512, atópase no Palacio Apostólico da Cidade do Vaticano. Amosa os filósofos, científicos e matemáticos máis importantes da época clásica.

Cadro "A escola de Atenas"

 Pero, haxa os cambios que haxa, sempre se manteñen dous protagonistas do feito educativo: as alumnas e alumnos e as mestras e mestres.

“Lémbrome do día que cheguei por primeira vez á escola. Levoume miña nai pola man.”

(Neira Vilas. Memorias dun neno labrego)

Balbino tiña como mestre a don Alfonso, que pegaba e non entendía ben os rapaces, pois era andaluz. Conseguiron que o trasladasen e veu como mestra unha moza noviña –Eladia, natural de Betanzos– da que Balbino namorou, pois era cariñosa e risoña.

Moitas diferenzas habería entre o don Alfonso –mestre de Balbino– e María Barbeito –mestra pioneira na renovación pedagóxica, que favorecía –nas Escolas da Garda, onde foi directora– unha metodoloxía baseada na liberdade e que propugnaba a lectura e escrita en galego. O don Alfonso de Memorias dun neno labrego nunca daría o nome a unha escola nin tería unha rúa na Coruña, María Barbeito si.

 

Os centros de ensino, chegado setembro, volven converterse en lugares cheos de vida e bulicio. Hainos que xa teñen unha longa historia ás súas costas. É o caso do IES Eusebio da Garda da Coruña.

IES Eusebio da Garda

Cun solemne acto de apertura, o primeiro de outubro de 1890 botou a andar este centro de ensino. Construído grazas á aportación de Eusebio da Guarda e a súa esposa Modesta Goicouría foi concibido para instalar un instituto, unha escola de artes e oficios e unha estación meteorolóxica. Polas aulas do IES da praza de Pontevedra da Coruña, pasaron alumnos ilustres como Picasso ou Torrente Ballester.

IES Fernando Wirtz

Outro centro de ensino coruñés con moitos anos de historia é o IES Fernando Wirtz. O ano que aparece na súa fachada é o de 1929. Naceu como unha Escola de Traballo impulsada polo enxeñeiro industrial Fernando Wirtz Suárez.

Con máis ou menos historia entre as súas paredes, sexa do nivel educativo que sexa, un centro de ensino sempre é un lugar de convivencia, un espazo de aprendizaxe, o lugar onde nacen os soños. É fundamental que as sociedades saiban valorar adecuadamente o papel do ensino. Sen el, non hai futuro.

Nestes días dunha “volta ao cole” tan especial, condicionada e con tantas normas, oxalá a ilusión e a esperanza no futuro estean en todos os centros de ensino.

Debuxo de Castelao

Na escola está o futuro.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies