Xaime Prada: o debuxante de “Nós” en Valdeorras

Xaime Prada

Autorretrato de Xaime Prada

A revista Nós, publicada entre os anos 1920 e 1936, acolleu unha grande variedade de contidos nas súas páxinas: literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político. Tendo a Castelao como director artístico, como sabemos, a importancia da revista foi tan grande que mesmo deu nome a unha xeración literaria e artística: a Xeración Nós. Un dos colaboradores de Nós era o valdeorrés Xaime Prada. Se Florencio Delgado Gurriarán foi o poeta de Valdeorras, Xaime Prada foi o debuxante das beiras do Sil. Como homenaxe, resumimos brevemente a vida e a obra de quen algúns estudosos denominan “o Castelao de Valdeorras”.

Vida o obra de Xaime Prada

Amancio Jaime Prada Losada naceu en Vilamartín de Valdeorras o día 26 de setembro de 1891. Logo de estudar as primeiras letras en Vilamartín e o bacharelato en Ourense, inicia estudos de Medicina e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, carreiras que non chegou a rematar. A súa verdadeira vocación era debuxar, pintar, gravar e escribir. Tamén, recoller romances, cantigas e contos da comarca de Valdeorras.

Debuxo de Xaime PradaDurante algún tempo foi profesor de Debuxo no instituto de Ferrol. Ademais da súa afección artística, colaborou coa Administración de Xustiza: é nomeado xuíz municipal de Vilamartín. Cóntase, como mostra do seu humor, que inscribiu un afillado seu como Pepe e non como José.

Para preparar oposicións ao Corpo de Telégrafos vai a Madrid, pero tamén abandona para recibir leccións de pintura. Para completar a súa formación artística viaxa a París en 1920.

Xaime Prada comeza a colaborar coa revista “Vida Gallega” o día 31 de xullo de 1919 e remata o día 20 de maio de 1934 (número 593). As súas portadas foron moi celebradas. Os seus temas son as terras, paisaxes de Vilamartín e as súas xentes. Os pés destas portadas están cheos de humor e graza, coa lingua dos seus veciños.

Portada da revista CéltigaComo xa dixemos, Xaime Prada colaborou coa revista Nós, da que Castelao era o seu director artístico. Nela aparecen algúns contos do vilamartinés.

O 10 de decembro de 1927, segundo consta no colofón, “acabouse de imprentar por Nós, Real, 36–1º, A Cruña” o álbum Grabados en linoleum do autor valdeorrés. As ilustracións son a unha soa cor con deseño de letras só na cuberta. Cada lámina vai acompañada das glosas de, entre outros, Banet Fontenla, Víctor Casas, Vicente Risco, López Cuevillas, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Correa Calderón, Ramón Vilar Ponte e Roberto Blanco Torres. En 1982, Edicións do Castro realizou unha edición facsímile desta obra.

De familia fidalga, ata 1933 estivo ligado ás Irmandades da Fala e á Xeración Nós. A partir desa data parece ser que mudou a súa ideoloxía. Sexa como for, quedounos a súa obra como testemuño de seu compromiso galeguista. Xaime Prada morría en Madrid o día 14 de outubro de 1966.

Se Xaime Prada foi o debuxante de Valdeorras, o poeta era o seu conveciño Florencio Delgado Gurriarán. Deste é o poema que canta outro valdeorrés, Anxo Rei. O título é “Casoiro”:

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies