Antón Fraguas: Letras Galegas 2019

Antón FraguasA Real Academia Galega acordou no pleno celebrado o día 7 de xullo de 2018 na súa sede da rúa Tabernas da Coruña que o protagonista do Día das Letras Galegas de 2019 era Antón Fraguas. Xustifica tal escolla a RAG porque Antón Fraguas era “Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común… dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria”. A continuación, repasamos brevemente, a modo de homenaxe, a vida e a obra do autor protagonista do Día das Letras 2019: Antón Fraguas.

Vida e obra de Antón Fraguas

Antón Fraguas Fraguas naceu no lugar de Insuela –parroquia de Loureiro–, no concello de Cotobade, o día 28 de decembro de 1905. Próximo a cumprir noventa e catro anos, morre en Santiago de Compostela o día 5 de novembro de 1999. Tras os primeiros anos de estudo -na casa, en escolas públicas e privadas-, entre 1919 e 1924 temos a Antón cursando o Bacharelato no Instituto de Pontevedra. Nel terá como profesores nada menos que a Castelao e a Losada Diéguez, os cales deixarán unha fonda pegada nestes momentos decisivos de formación de Antón.

FraguasTras o Bacharelato, a partir de 1924, cursa –dunha maneira brillante– Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Ingresa nas Irmandades da Fala e comeza a colaborar co Seminario de Estudos Galegos no que ingresa en 1928 co estudo O castro de Soutolongo (Lalín). Dentro do Seminario colaborará nas seccións de Xeografía, Etnografía e Folclore e Prehistoria. A súa primeira publicación en galego será no ano 1929 no xornal A Nosa Terra e leva por título Unha serán na Catedral. Con López Cuevillas e Purificación Lorenzana publica –en 1930–, en Arquivos o seu primeiro traballo relacionado coa arqueoloxía: Mámoas do Sabiñao. Co Seminario de Estudos Galegos participa en varias xeiras ou traballos de campo co obxectivo de estudar as comarcas galegas. Varias destas xeiras foron na Terra de Melide das que saíu, en 1933, o coñecido libro co mesmo título. Antón Fraguas foi o encargado de catalogar os xacementos castrexos. Estes anos tiñan que ser, por forza, os máis felices e ilusionantes da súa vida, compartindo investigación e amizade con Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas, Figueira Valverde, Vicente Risco, Bouza Brey, Xaquín Lorenzo, entre outros.

Entre 1929 e 1933, Antón Fraguas exerce a docencia como profesor auxiliar na Facultade de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1933, incorpórase como profesor ao Instituto da Estrada. Ademais do seu labor docente, nesta comarca cataloga castros, mámoas, organiza excursións pola contorna e monta un museo no centro para expoñer os obxectos atopados. Pero, o 20 de maio de 1937 a Comisión de Depuración de Enseñanza de Pontevedra ordena a súa separación definitiva do ensino público. Antón Fraguas, que pertencía ao Partido Galeguista, participou activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galiza e, como tantos outros e outras, sufriu a represión franquista.

Tras ser apartado do ensino público, exerceu o ensino privado ata que en maio de 1950 foi nomeado catedrático de Xeografía e Historia do Instituto Nacional Masculino de Lugo (actual IES Lucus Augusti). Nel, estará ata 1959 cando se traslada como profesor ao Instituto Nacional de Ensinanza Media Rosalía de Castro (actual IES Rosalía de Castro), onde permanecerá ata a súa xubilación en 1975.

En 1951 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega. O seu discurso de entrada será: Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Fraguas ocupa a cadeira do seu antigo profesor no Instituto de Pontevedra e despois compañeiro de tantas empresas galeguistas, Castelao:

Veño a ocupar un lugar que quedou baleiro o día sete de xaneiro de mil novecentos cincuenta cando alá lonxe, en Bos Aires, morreu Alfonso Rodríguez Castelao, o amigo Daniel, o médico que por non poder varrer a morte do leito dos enfermos non quixo exercer a medicina. Quizais fora mellor deixar vacante o seu posto deica que outro artista como el ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceras e acabadas, viñera ocupar esta cadeira. Non debera ser eu o destinado que son home de poucas letras e a quen a arte lle foxe como foxe o vento que canta nas ripas dunha cancela. Veño para o sitio dun home cuio nome leva unha proxección universal de sincera grandeza e popularidade”.

Antón FraguasNo ano 1963, Antón Fraguas foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago, situado no convento de San Domingos de Bonaval, que no ano 1975 pasou a ser denominado Museo do Pobo Galego. Xaquín Lorenzo era o Presidente da Fundación e tras a súa morte en 1989, Antón Fraguas ocupará os cargos de director e presidente.

Membro do Consello da Cultura Galega e Cronista Xeral de Galiza, entre outros cargos, Antón Fraguas realizou, como dixemos, numerosos estudos sobre a cultura popular, a xeografía, a arqueoloxía e a arte. Ameno e prolífico conferenciante, tamén escribiu numerosos libros e artigos de divulgación. Por citar só algúns dos seus libros: Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), Romarías e santuarios (1988), Galicia máxica (1991) ou A festa popular en Galicia (1995). Os seus artigos enchen as páxinas de libros, xornais e revistas: escribiu sobre lendas, dolmens, petróglifos, mámoas, o Entroido, o Nadal, o Domingo de Ramos, a Noite de San Xoán, costumes de fin de ano, músicos e cantores populares, o traxe tradicional, o dote, sobre a paisaxe galega, sobre as cidades, sobre as rías, o Miño… Co espírito do Seminario de Estudos Galegos, Antón Fraguas estudou toda a nosa variada cultura con paixón e dedicación.

Escolma de coplas de Loureiro de Cotobade

Eu ben vin estar o cuco
na rama d-un castiñeiro,
coa machada na mán
deprendendo a carpinteiro
______

Canta cuco canta cuco
na rabela do arado,
as mulleres antre os homes
é un gando mal gardado.
_______

Foches falar mal de mín
axunto dos meus amores,
fai de conta que botaches
auga por riba de flores.
_______

Eu collín a flor da xesta
que é a primeira que vén,
desde que te vín a tí
non amei a mais ninguén.
________

Sei d-un niño dunha melra
outro dunha lavandeira,
agora teño tres niños
co niño da costureira.
________

Da banda d’alá do río
asubíame unha melra,
a melra como asubía
anda segando na herba.
________

Eu ben vín estar o moucho
encima d-ún amieiro,
coa subela na mán
aprendendo a zapateiro.
_________

Moucho que estás no canizo
bota castañas abaixo,
anque non teño mandil
acádochas no refaixo.
__________

O paxaro cando chove
mete o rabo na silveira,
así fan as boas mozas
cando non hai quen as queira.
_________

Cantan os galos o día
érguete, meu ben, e vaite.
Como me hei d-ir, queridiña,
como me hei d-ir e deixarte?

Antón Fraguas fala sobre Castelao, as Irmandades, O Partido Galeguista, a Real Academia Galega…:

No discurso de entrada na Real Academia Galega, Antón Fraguas recollía coplas da parroquia de Loureiro de Cotobade que falaban de distintos paxaros, entre eles, o cuco. Non está de máis volver recordar aquí o famoso poema de Manuel María que tan ben musicou Suso Vaamonde: O cuco.

Para saber máis de Antón Fraguas: Ficha de Antón Fraguas na web da Real Academia Galega.

Discurso de entrada na RAG de Antón Fraguas: As coplas que cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies