Carvalho Calero: débeda saldada (e xa era hora!)

O día tres de xullo de 2018 a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda enviaba unha carta á Real Academia Galega solicitándolle que o Día das Letras Galegas de 2019 se lle dedicase a Ricardo Carvalho Calero. A carta remataba:

É por todo iso que nos diriximos á REAL ACADEMIA GALEGA para pedirlle que salde unha débeda de tantos anos con tan ilustre galego e o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019 sexan dedicadas a RICARDO CARVALHO CALERO porque de facelo así moitas serán as persoas e asociacións que ao longo do país celebrariamos esta decisión.

Ao igual que a nosa agrupación, foron moitas as asociacións, colectivos, persoas a título individual, que ano tras ano viñeron demandado o merecido recoñecemento e homenaxe da Real Academia Galega a Ricardo Carvalho Carballo.

Letras galegas para Carvalho CaleroE, por fin, chega o recoñecemento: a Real Academia Galega vén de acordar que o Día das Letras Galegas 2020 sexa para homenaxear a RICARDO CARVALHO CALERO. Como diciamos na carta á Academia: débeda saldada. Debera ter sido moito antes, pero iso non implica, como tamén manifestabamos, que non celebremos e nos parabenicemos do acordo da institución da rúa Tabernas: benvido sexa o Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero.

Os méritos do autor ferrolán para a homenaxe son abondosos e unanimemente aceptados. Poucas persoas na cultura galega de todos os tempos levaron unha vida tan densa e austera, completamente dedicada a traballar por Galiza e a súa cultura. A continuación, facemos un breve percorrido polas distintas facetas do noso autor.

A vida e o compromiso

Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol (no Ferrol Vello) o día trinta de outubro de 1910 e morreu en Compostela o día 25 de marzo de 1990. Setenta e nove anos dedicados intensamente a Galiza e a súa cultura. Tras os estudos de Bacharelato por libre –e examinado no que hoxe é o coruñés IES Eusebio da Guarda– cursou brillantemente estudos de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela.

Carvalho CaleroDesde moi pronto, en Compostela, converteuse nunha figura do movemento estudantil, chegando a ser presidente da Federación Universitaria Escolar (FEU), unha entidade sindical escolar. Tamén, en Compostela, entrou en contacto cos membros do Seminario de Estudos Galegos (SEG), no que entraría no ano 1927. Foi, igualmente, un dos cofundadores, en 1931, do Partido Galeguista (PG) e participou na elaboración do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía para Galiza.

A guerra civil (1936-1939) sorprendeuno en Madrid e Carvalho Calero incorpórase ao exército republicano como oficial. Detido e xulgado en Andalucía, foi condenado a doce anos e un día de prisión. No ano 1941, pode volver a Ferrol, pero a extinción definitiva da pena non sería ata 1951.

Impedido de exercer a docencia oficial, no ano 1950 trasládase a Lugo como Director do Colexio de Fingoi. Xa en 1965, Carvalho Calero exerce como Profesor interino de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, nela, en 1972, acabaría sendo o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega. Carvalho, que ingresara na Real Academia Galega o día 17 de maio de 1958, acabou o seu traballo docente na Facultade de Filoloxía –alí na fermosa Praza de Mazarelos– en 1980, pero non era difícil velo pola Facultade ata pouco antes de morrer, en marzo de 1990, como xa dixemos.

A obra

O esquecemento da figura de Ricardo Carvalho Calero resultaba máis rechamante sobre todo se temos en conta a amplitude, variedade e transcendencia da súa obra. Comezando a escribir desde moi novo, –ademais das innumerables conferencias, congresos e diversas actividades nas que participou–, deixounous unha impresionante obra que abrangue todas as facetas posibles. Limitarémonos a sinalar só algúns exemplos en cada caso.

A crítica literaria sitúa a Carvalho Calero na chamada Xeración de 1936. No tocante á poesía, escribiu arredor duns once libros, entre os que están: Vieiros (1931), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), Pretérito Imperfecto (1980), Reticências (1990).

No apartado da narrativa, Carvalho publicou, Xente da Barreira (1951), a primeira novela en galego da posguerra, e  Scórpio (1987).

Tamén cultivou amplamente o xénero dramático. Deixounos, entre outras, estas obras de teatro: Catro pezas,  publicada en 1971, contén: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro. En1982, baixo o título, Teatro completo, recompila toda a súa creación dramatúrxica.

Deixamos para o final a obra ensaística de Ricardo Carvalho Calero. Se importantes son os outros xéneros que cultivou, a transcendencia do seu traballo investigador que aparece reflectido nos seus ensaios contribuíu a engrandecer a nosa lingua e a nosa literatura. A súa Historia da literatura galega contemporánea  (1963) e a súa Gramática elemental del gallego común (1966) pasarán á historia como fitos salientables da nosa cultura. Só por estas dúas obras, moitos galegos e galegas temos unha débeda pendente co autor ferrolán.

A súa preocupación polo futuro da lingua galega levouno a defender con paixón a tendencia reintegracionista, que propugna o acercamento do galego e o portugués, algo que lle traería non poucos problemas e o illamento oficial. Porén, el nunca renunciou ao seu compromiso activo co reintegracionismo.

Cómpre agora recuperar o tempo perdido. A vida e a obra –densas e inxentes nos dous casos– de Ricardo Carvalho Calero deben ser obxectivamente tratadas, valoradas e dadas a coñecer por toda Galiza. Só así comezaremos a saldar esa débeda contraída hai xa tantos anos.

Deixámosvos aquí o folleto que a AS-PG elaborou no 2010 para o Concello da Coruña onde se fai un repaso pola vida e a obra de Carvalho Calero.

Fullscreen Mode

Tamén podedes descargar a infografía que publicou Sermos Galiza onde se recompila a parte da obra de Carvalho Calero máis interesante para a lingua e historia galega e a máis novidosa.

Fullscreen Mode

Cronoloxía da obra de Carvalho Calero

1928 Trinitarias, Ferrol
1930 Discurso leído por el señor Don Ricardo Carballo Calero, alumno de la Facultad de Derecho de la Universidad de Santiago de Compostela, en la apertura del curso de 1930 a 1931, Universidad Compostelana, Santiago 1930.
1930 Como vía Aristóteles o Pae Feijoo. 1930
1931 La fuerza pública en la Universidad de Santiago y otros escritos escolares (1930-1933), Ediciós do Castro, Sada – A Corunha 1987, 164 pp. Scórpio, Sotelo Blanco Edicións, Santiago 1987, 398 pp.
1931 Vieiros, Nós Pubricazóns Galegas e Imprenta (Volume XLIV), A Corunha 1931, 80 pp.
1932 La soledad confusa (1929-1930), Imprenta Nós, Santiago de Compostela 1932, 58 pp.
1934 O silenzo axionllado (1931-1934), Edit. Nós, Santiago 1934.
1950 Anxo de terra, Colección «Benito Soto», Pontevedra 1950, 40 pp. (volume número 7 da colección).
1951 A xente da Barreira: novela, Bibliófilos Gallegos (Colec. «Biblioteca de Galicia», núm. 3), Santiago de Compostela 1951, 170 pp.; Ilustracións de A. Portela Paz.
1952 Poemas pendurados de un cabelo, Lugo 1952 («Colección Xistral al cuidado de Angel Johan», número 2 da colecção).
1955 Sete poetas galegos: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Antonio Noriega Varela, Ramón Cabanillas, Luis Amado Carballo, Manuel Antonio, Editorial Galaxia, Vigo 1955.
1956 Profesionalidad y popularidad en la obra de Castelao. 1956
1958 Ramón Príncipe de Aquitania. 1958
1958 Visión de la vida en la lírica de Rosalía de Castro / por R. Carballo Calero
1959 Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía: Discurso de ingreso na Real Academia Galega lido o día 17 de maio de 1958, seguido da resposta de Ramón Otero Pedrayo, Ediciones Celta, Lugo 1959, 133 pp.
1959 Rosalía en Italia. 1959
1961 Salterio de Fingoy, Editorial Galaxia (Col «Salnés», núm. 2), Vigo 1961, 88 pp
1963 Historia da literatura galega contemporánea I, Editorial Galaxia, Vigo 1963, 568 pp.
1965 Eduardo Pondal, Galaxia
1966 Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea, Publicaciones de la Real Academia Gallega, Barcelona [impre] (- A Corunha) 1966, 136 pp.
1966 Gramática elemental del gallego común, Editorial Galaxia, Vigo 1966, 268 pp.
1969 Un Manuscrito de D. Mariano Cubí y Soler : (observaciones sobre el gallego y otras curiosidades lingüísticas) / por R. Carballo Calero
1970 O señor de Vilancosta: Loubanza de Marcial Valladares Núñez no Día das Letras Galegas.
1971 Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro, Editorial Galaxia, Vigo 1971, 208 pp.
1971 Lembranza de Don Gonzalo López Abente no Día das Letras Galegas, Santiago 1971.
1971 Sobre lingua e literatura galega, Editorial Galaxia, Vigo 1971, 286 pp.
1972 Particularidades morfológicas del lenguaje de Rosalía de Castro, Secretariado de Publicaciones de la Universidad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela 1972, 74 pp. («Monografías de la Universidad de Santiago de Compostela», número 19).
1975 Sobre o escarno de malonda / Ricardo Carballo Calero
1975 Historia da literatura galega contemporánea, Editorial Galaxia, Vigo 1975, segunda edic, 896 pp.
1979 Estudos rosalianos: aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro, Editorial Galaxia, Vigo 1979, 208 pp.
1979 Libros e autores galegos I (1979) = Libros e autores galegos: dos trovadores a Valle-Inclán, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, A Corunha 1979, 334 pp.
1980 Pretérito imperfeito (1927-1961), Ediciós do Castro, Sada – A Corunha 1980, 236 pp.
1981 Problemas da língua galega, Sá da Costa Editora, Lisboa 1981, 148 pp. (colecção «Noroeste», número 2).
1982 A gente da Barreira e outras historias, Follas Novas, Santiago 1982, 168 pp.
1982 Futuro condicional (1961-1980), Ediciós do Castro, Sada – A Corunha 1982, 220 pp.
1982 Libros e autores galegos II (1982) = Libros e autores galegos: século XX, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, A Corunha 1982, 416 pp.
1982 Teatro completo: O Fillo. Isabel. A Sombra de Orfeu. Farsa das Zocas. A ‘Arbore. O Redondel. Auto do Prisioneiro. Os Xefes, Ediciós do Castro, Sada – A Corunha 1982, 247 pp.
1983 Da fala e da escrita, Galiza Editora, Ourense 1983, 140 pp.
1983 Sobre o seu teatro, A Corunha: Cadernos da Escola Dramática Galega núm. 56 (setembro 1985).
1984 Narrativa completa: A gente da Barreira. Os señores da Pena. O lar de Clara. As pitas baixo a chúvia. Os tumbos. A cegoña. Aos amores seródios, Ediciós do Castro, Sada – A Corunha 1984, 240 pp.
1986 Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985), (AGAL), A Corunha 1986, 197 pp. (“Portada e ilustracións: Felipe Criado”).
1989 Escritos sobre Castelao, Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela 1989
1989 Scorpio, 1989
1989 Estudos e ensaios sobre literatura galega, Ediciós do Castro, Sada – A Corunha 1989, 336 pp.
1990 Do galego e da Galiza, Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela 1990
1990 Reticências… (1986-1989), Sotelo Blanco, Santiago de Compostela 1990

Cronoloxía da vida de Ricardo Carvalho Calero

1910 Nace en Ferrol o 30 de outubro.
1919 Morte da nai.
1920 Exame de ingreso e primeiro curso na Coruña.
1926 Inicia estudos universitarios.
1927 Ingresa no Seminario Estudos Galegos.
1931 Licenciado en Dereito. Asiste á asemblea constituinte do Partido Galeguista.
1933 Funcionario Concello de Ferrol.
1935 Licenciado Filosofía e Letras.
1936-1939 Guerra. Frontes de Madrid, Valencia e Andalucía. É detido.
1939-1941 Prisión militar de Jaén.
1941-1950 Retorno a Galiza. Imposibilidade de exercer laboralmente como funcionario. Imposibilidade de se colexiar.
1950-1965 Colexio Fingoy Lugo.
1958 Ingreso na Academia.
1965-1980 Profesor en Santiago: Instituto Rosalía de Castro. Cátedra de Galego da USC en 1972.
1980-1990 Xubilación. Recompilación da súa obra e publicación.
1990 Morte en Santiago o 25 de marzo.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies