Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

 

A cita era ás 20 horas do luns, 19 de setembro, diante a entrada principal do Xardín de San Carlos. Alí estabamos puntuais cunha temperatura moi agradable para comezar o roteiro –outro máis dentro do ciclo “Pasear para aprender”–. Neste caso, era un itinerario pola Cidade Vella cun guía de luxo: o arqueólogo e museólogo, Felipe Senén.

Na entrada principal do Xardín de San Carlos –coa porta incomprensiblemente pechada desde hai meses– Felipe falounos de Lady Hester Stanhope, a namorada de Sir John Moore, enterrado no xardín.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

O noso guía non deixou pasar a oportunidade de recomendarnos unha visita ao Arquivo do Reino de Galicia. Alí gardan o expediente do proceso aberto contra Manuel Blanco Romasanta, o home lobo, do ano 1859.

A seguinte parada foi para admirar a coñecida como Casa do Remo, nome que procede do feito de que o ancho da fachada se corresponde coa dimensión do remo dunha traiñeira: menos de dous metros de ancho.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

Detivémonos na praza de Santo Domingo para contemplar o desvío da torre da igrexa de San Domingos, algo que –segundo a lenda– levou o arquitecto ao darse conta do erro, a tirarse desde o alto da torre. Baixando a mirada do alto da torre da igrexa para fixala no chan, puidemos contemplar nesa mesma praza de Santo Domingo, a conservación da técnica dos cantiños de río no pavimento. Alí había outra torre: a de Hércules.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

Chegamos a unha praza de Santa Bárbara convertida en escenario cinematográfico, algo que non é de estrañar, pois o espazo ben o merece.

O noso guía falounos do cruceiro e do relevo enriba da porta de entrada ao Convento de Santa Bárbara.

Tras facer parada na Casa Museo de María Pita, chegamos á Colexiata de Santa María do Campo: fachada románica, o caos, os magos, o rosetón símbolo de Deus. De todo isto nos falou Felipe Senén.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

Enfronte da igrexa de Santa María do Campo está esoutra casa que un día volverá a mans –hoxe na dos Franco– do pobo da Coruña: a Casa Cornide.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

A seguinte parada foi o que o noso guía definiu como lugar para o encontro: o Campo da Fariña. Grande mercado na Coruña dos muíños de vento e grandes fornos, onde a fariña e o pan eran –e seguen sendo– elementos básicos.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

E no medio da praza da Fariña, a fonte da Fama construída en ferro, así chamada por atoparse orixinariamente na rúa da Fama.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

Xa metidos na noite, no final do verán xa se nota que acurtaron os días, chegamos á igrexa de Santiago, construída sobre un templo romano.

Boas vistas tiña Dona Emilia Pardo Bazán desde a súa casa ao lado da igrexa de Santiago. Non era de estrañar que desde alí ulise o incenso.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

Antes de dar volta e atopar a entrada pola rúa Tabernas da casa de Dona Emilia, Felipe Senén fíxonos deter a mirada sobre unhas das galerías máis fermosas da cidade: as da casa Ozores ou Pazo do Marqués de San Martín de Hombreiro.

Paseo pola Cidade Vella con Felipe Senén

Xa diante da Real Academia Galega e tamén Casa Museo de Emilia Pardo Bazán, deunos tempo a reflexionar se non serán demasiadas funcións para un mesmo edificio. Igual a Real Academia Galega merezca e precise dunha sede para si soa.

Chegados a este punto, case dúas horas despois, remataba o noso itinerario crítico pola historia, a arqueoloxía e a mitoloxía da cidade, con Felipe Senén como guía de luxo. Quedamos en volver vernos e “pasear para aprender”.

2 Comments

  1. ramon gallego 24 Setembro, 2022 Responder
  2. Carlos González Mazaira 20 Setembro, 2022 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies