Rosalía, no bico un cantar

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
(Curros Enríquez)

Os versos do inicio –de Curros– están dedicados a Rosalía. Dela é ese “ bico” do poema. De Rosalía. Sen necesidade de máis apelidos para identificala. Poucos autores e autoras haberá que recoñezamos só co nome. E, é que ela “en todo está” e é “todo”, como unha “negra sombra”, pero sen facer “mofa” de nós, ao contrario, dándonos luz, ao igual que fixo anos máis tarde Castelao. Ambos os dous guías e modelos a seguir no compromiso con Galiza e co seu pobo.

No bico un cantar reivindicativo e solidario

Rosalía de CastroComo non vai ser Rosalía un modelo de compromiso se no Prólogo de Cantares gallegos (1863), como se fose un manifesto poético, xa nos anuncia a súa intención de facer literatura coa nosa lingua. Ela fala de cantar as belezas da nosa terra:

“naquel dialecto soave e mimoso, que queren facer bárbaro, os que non saben que aventaxa âs demais linguas en doçura e armonia”.

Acabamos de deixar atrás séculos de escuridade –o XVI, XVII e XVIII– para a nosa lingua e chega Rosalía na segunda metade do XIX cumprindo un obxectivo que aínda hoxe temos pendente: normalizar a nosa lingua.

Ela fala de que Galiza se levantehastr’ó lugar que lle corresponde” e para iso proponse cantarlle a todo o “que chegase a conmoverme”:

“Cantos, vagoas, queixas, sospiros, serans, romerias, paisaxes, debesas, pinares, soidades, ribeiras, costumes, tod’ aquelo en fin que pó-la sua forma e colorido e dino de ser cantado”.

Rosalía coa familia na MatanzaSe na actualidade hai un forte movemento feminista que reivindica os dereitos das mulleres, como non vai ser Rosalía un modelo se xa no Prólogo de Follas novas (1880) fala das “innumerables coitas d’as nosas mulleres”:

“N’o campo compartindo mitade por mitade c’os seus homes as rudas faenas, n’a casa soportando valerosamente as ansias d’a maternidade, os traballos domésticos e as arideces d’a probeza. Soyas ó mais d’ o tempo, tendo que traballar de sol á sol, e sin a uda pra mal manterse, pra manter os seus fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas á non atoparen nunca reposo se non n’a tomba.”

A sensibilidade e solidariedade de Rosalía co sufrimento das mulleres está clara, mesmo chega a consideralas “probes mártires”:

Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm’a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás…
Ferve o pote… mais, meu caldo,
soíña t’hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai…
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond’está.

Na Galiza do século XIX vivíase fundamentalmente do campo e do mar. No pode dicirse que Rosalía fose allea a estas realidades e aos seus problemas –dificultades que aínda hoxe se manteñen. Así, no Prólogo de Follas novas sinala:

E ¡sófrese tanto n’esta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando d’o eterno infortunio que afrixe os nosos aldeáns e mariñeiros, soya e verdadeira xente d’o trabaIlo n’o noso pais.

Esta realidade do campo e do mar foi a que obrigou a emigrar a milleiros de galegos e galegas no século XIX. Tamén Rosalía se solidariza con estas “viúvas de vivos e viúvas de mortos”:

¡Pra a Habana!
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
“María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou…
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!”

A versións musicadas dos versos de Rosalía a cargo de Amancio Prada souberon sintonizar acaidamente co seu sentimento. Neste caso: ¡Pra A Habana!:

No bico un cantar rebelde

Rosalía non só mostra sensibilidade cos que sofren e coas inxustizas, senón que do seu bico saen cantares que mesmo hoxe, para moitos, serían “politicamente incorrectos”. Pero, a nosa autora non se arredaba do compromiso e a loita: xa sexa para cuestionar a xustiza, a relixión, o matrimonio ou que Galiza non debía chamarse española:

A XUSTIZA POLA MAN

 

Aqués que tén fama d’ honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu’ eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond’ eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos… ¡meus anxos!… que tant’ eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm’ a vida,
fixéronm’ un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

 

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei… ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum’ a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda…
tan alto qu’ estaba, bon Dios non m’ oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño… (ne’ as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

 

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

 

I estonces… estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu’ os ferira.

É o grupo Nao o que lle pon música aos rebeldes versos d’A xustiza pola man:

Falaban os versos anteriores de que a xustiza e deus non estaban cando os precisaban. Tampouco Rosalía tiña reparos en cuestionar outros dogmas estendidos: o matrimonio.

DECIDES QUE O MATRIMONIO

 

Decides que o matrimonio
é santo e bueno. Seráio;
mais non casou San Antonio,
por máis que o mesmo demonio
tentóuno a facé-lo ensaio.

 

Celicios, cantos poder;
penitencias, a Dios dar;
mais santo n’houbo, a meu ver,
que dos casados quixer
ca pesada cruz a cargar.

 

Nin os santos padres todos,
de quen tes tantos escritos
e alabas de varios modos,
quixeron naqueses lodos
meter os seus pes benditos.

 

Do direito, do rivés,
matrimonio, un dogal es;
eres tentazón do inferno;
mais casaréi…, pois no inverno
¡non ter quen lle a un quente os pes…!

 

No bico un cantar íntimo

No Prólogo de Follas novas fala Rosalía da “perene melancolía” que envolve o libro. Das “soidades do corazón”, das “horas de enfermidade”, das “ausencias”, das “tristezas”… É difícil atopar un autor ou autora que sintonice tan intimamente co sentir do pobo galego. Coñecidos e recoñecidos son os seus poemas onde aparecen eses símbolos polisémicos que tantas cousas nos din: o cravo, a negra sombra…:

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa si era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Sóio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedinlle unha vez a Dios-,
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición.”
E doumo Dios, e arrinquéino;
mais… ¿quén pensara…? Despóis
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena… ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor…!

…………………………………………….

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pe dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

 

Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

 

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.

 

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

Non hai versos máis musicados ca os de Rosalía. Neste caso, é Pucho Boedo o que lle pon voz á Negra Sombra:

Para finalizar, o mellor é seguir o consello de Curros Enríquez a Xan de Deza no poema “O Ciprianillo”, de Aires da miña terra: para sermos ricos temos que ler a Rosalía. Ela é das que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar.

As alumnas e alumnos do IES Antón Fraguas interpretan os versos de Curros dedicados a Rosalía:

Escolma de poemas dedicados a Rosalía

Do que significou Rosalía dá conta o grande número de autores e autoras que lle dedicaron versos para renderlle homenaxe. A continuación facemos unha pequena escolma:

A ROSALÍA

 

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.

 

E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

 

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…

 

Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!
(Curros Enríquez)

————————–

A ROSALÍA

 

Non convén chorar máis.
Ela chorou por todos e para sempre.
Calemos…
Eu véxote así:
crespós nas estrelas,
ollos abertos de nenos mortos cravados nas salas do pazo

 

Calemos…
Nos currunchos acendéronse os altares do silenzo;
choiva de frores de estameña nos tristes pasadelos.
Coa túa boca torta chamas a mortos
e náufragos dende a solaina,
antre a brétema, en serán infinda.

 

Delantal de camposanto e campás antre mar e brétema;
barco negro e morto no camiño;
pómulos marelos deformes pola door;
balcón endexamais aberto cheo de paxaros e follas secas;
seios exprimidos hasta a derradeira gota de luz;
maos antre mirto e lúa, debaixo da auga verde do estanque.

 

¿Qué fas na serán que está esmorecendo sempre
ou na noite que endexamais se rematará?

 

Sin corpo, sin traxe, sin bruído,
coroa de sombras, música de pianos enloitados…
(Chove sobor das rosas e da escalinata do pazo.)
(Luís Pimentel)

————————-

A ROSALÍA DE CASTRO

 

Dúas nais me bican e me dan arrolo.
Unha, a do tempo neno, a pomba aquela
que me acochóu, mimosa, no seu colo
c-o xeito homilde
da virtú sinxela.Rosalía de Castro

 

Afundido no dór, frebente, tolo,
chamaba á morte a berros ó perdela,
cando ó ler os teus libros ¡ou consolo!
surdiche ti: ¡ contigo tornóu Ela !

 

Dende entón, si ferido dos penares
que ensangrentan a vida con que loito
pouso a ialma nas FOLLAS i os CANTARES,

 

¡Rosalía! ¡ña Nai! ¡miña Santiña…!
¡Méntra-la Rua milagreira escoito,
sinto unha doce man que me acariña.
(Ramón Cabanillas)

—————————

Ó Santa Rosalia da Saudade,
Do Infinito e do Bérfo em que nasceste,
Cantora da peifeita suavidade
Da inefável ternura que é celeste;
Intélprete da nova Divindade
Que tu, Galiza Mater, concebeste,
Teu cántico imortal e redentor
É nossa eterna glória e nosso amor!
(Teixeira de Pascoaēes)

——————————

Cançó tòpica de les dones gallegues a Rosalia

 

Oberts ulls
sense mirada,
sempre fixos
mar endins.

 

Vent no vol
blanc de veles,
que tornin
vaixells
d’enllà.

 

Fam encara
mal calmada
infla ventres
de negats.

 

Quietud,
malson de plata,
bruixes i pluja
als camins.

 

Lentes
processons
de ciris
passen i cremen
sembrats.

 

Colgàvem
de mica en mica
a la cendra
de la llar
guspiretes
d’esperança:
foc i llum són
apagats.

 

Ales esteses
de fosca,
vella por
del llop, la neu.
On els fills,
on tots els homes,
on l’enyor
de tants adéus?

 

Pobres, soles
nit i dia,
sense cap
consol ni guia,
no tenim
més companyia
que la veu de Rosalia,
que aquest plor
de Rosalia,
que aquest cor
de Rosalia,
que la seva
poesia.
(Salvador Espriu)

—————————–

Decimos Rosalía
i alcéndese un espello
na noite largacía.

 

Na noite ensimesmada
cai un orvallo escuro
de auga lenta e calada.

 

De auga lenta de pranto:
os nosos ollos son fontes
de tanto chorar tanto.

 

De tanto vao laído,
polas serras e vales
pasa un vento ferido.

 

Pasa un río entoldado,
que o entoldóu un tempo
de renuncia humildado.

 

De renuncia está feito
o puñal que levamos
espetado no peito.

 

Espetado en ringleiras
dos galegos que marchan
prás terras estranxeiras.

 

Decimos Rosalía
i o corazón da matria
sangra na noite fría.
(Celso Emilio Ferreiro)

————————-

A ROSALÍA

 

¿Que fas aí, en noite eterna, entre as estrelas
coa túa negra sombra acesa en tebra…?
E esa voz de campana, sen son e sen badal,
aboiando no vento, entre a vida e a morte:
¿chamará aos que emigran, aos que choran,
aos que están sen lecer e sen fogar…?
¿Que ollan os teus ollos cheos de tristeza,
queimados polas bágoas, ardidos pola dor…?
Doce Rosalía, miña amiga, camelia desfollada,
con voz de terra e pureza de anxo,
a chorar a túa morte, camiñando na sombra
onde a túa canción non puido ser ledo asubío.

 

I as túas mans sotilísimas, finas e fidalgas
¿qué rosas de cen follas -xa murchas- cortarán?

 

Doíache o teu povo, a tú aterra. Tiñas medo.
A túa ollada limpa, de neve, quería ver ó mar
Aínda que adivinaba a tristura dos naufraxos.

 

Sempre fuche o mesmo: saudosa e namorada.
A túa sorrisa melancónica e murcha:
¿foi polo agoiro dos mouchos que oíche algún día,
polas pombas que viche voar, mouras, ó serán…?

 

Maina, doce, amorosa, Santa Rosalía, fada boa
coas meixelas marelas como froles de cera.
Soia eternamente, sin que ninguén
che poida amainar a dór que te roi e consome.
Soia na noite sin fin. E sempre soia…
(Manuel María)

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies