2021: Desconfinemos a cultura

“…abrimos as portas a quen queira traballar connosco, porque somos xente de acción…”

Fundada no ano 1976, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ten como obxectivos prioritarios a defensa da lingua e da cultura galegas.

Vivimos tempos difíciles para todo o mundo e para todas as actividades. Pero, durante estes meses de pandemia, vimos e escoitamos como a cultura sufría e sofre unha situación que os distintos profesionais do sector soen cualificar “de máxima urxencia”. A cultura é un ben esencial e non se pode aproveitar a pandemia para confinar –definitivamente– a cultura. Nos últimos meses foron –e seguen sendo– habituais na prensa titulares coma os que seguen:

“A pandemia bate no sector cultural galego: metade das empresas tivo que parar e 6% do persoal, despedido”
(29–7–2020)

Lorena Barreiro (arqueóloga):
“Estamos nun momento precario porque se inviste moi pouco en cultura, e a arqueoloxía é cultura”
(4–9–2020)

“HerDanza reaviva o “berro” da cultura polo seu “dereito a existir””
(7–9–2020)

“As salas de concertos galegas solicitan unha reunión coa Xunta”
(7–9–2020)

Mónica de Nut (cantante lírica):
“As restricións da cultura son desproporcionadas”
(17–9–2020)

O sector do espectáculo declárase en ‘alerta vermella’
(17–9–2020)

“As profesionais da xestión cultural reclaman unha defensa firme da cultura”
(18–9–2020)

 Rosalía Fernández Rial (poeta):
“A arte e o pensamento veñen de demostrar que son o único que nos pode salvar”
(18–9–2020)

“A “potencia creativa” do libro reclama o recoñecemento da Administración”
(21–11–2020)

“Campaña para preservar a programación escénica nos concellos”
(26–11–2020)

Poderiamos seguir indefinidamente seleccionando titulares de prensa nos que se amosan unha situación da cultura moi preocupante.

Nestes días, o O BNG reclamaba “un plan de rescate para o sector cultural e pide ao PP que pense na cultura como ben esencial”
(9–12–2020)

Facemos nosas as preocupacións dos distintos sectores do mundo da cultura e pedimos solucións, xa. Nós tamén cremos que a cultura é un ben esencial. E desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda queremos seguir aportando o noso gran de area cultural.

Queremos visitar –e organizar– exposicións, dentro e fóra, que nos guíen e nolas expliquen, porque iso é cultura.

Este 2020 pandémico tróuxonos tristezas –como a de que acabe o ano das Letras Galegas dedicadas a Carvalho Calero sen a homenaxe merecida–, pero tamén alegrías –merecidas– para o pobo galego: por fin volve ser dono do Pazo de Meirás, despois de anos de loita. Quedan outras moitas loitas –Casa Cornide–, pero desde a nosa agrupación seguiremos aportando o noso gran de area.

Queremos recitar a Rosalía –e as nosas autoras– e alegrarnos da estrela que leva o seu nome.

Queremos seguir falando e debatendo de feminismo para colaborar a conseguir a igualdade e erradicar a violencia machista.

Queremos seguir escoitando os/as músicos porque iso é cultura.

Queremos seguir escoitando en directo as autoras dos libros nas presentacións e que nolos asinen.

Queremos seguir debatendo e dialogando sobre todo tipo de temas e vendo o noso local –de Olmos, 16– cheo de xente.

 Queremos seguir reuníndonos nos dous clubs de lectura que temos, facendo teatro, xogando ao xadrez, tocando a guitarra… e moitas outras actividades que desexamos levar a cabo.

A cultura non pode parar porque é un ben necesario. Esperemos que pase a pandemia canto antes, pero sexa como sexa, a cultura necesita un plan de rescate, xa. Sen cultura non podemos e non queremos vivir.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies